Culturgal pecha a oitava edición con cifras de público similares ás de 2014

Pontevedra
06 de decembro 2015

A organización anuncia a feira de 2016 para os días 2, 3 e 4 de decembro

Culturgal 2015
Culturgal 2015

Pecha o Culturgal 2015 e damos a benvida ao Culturgal 2016. A organización amósase moi satisfeita non só do éxito de público desta edición senón da resposta transmitida por expositores e visitantes respeito da experiencia na feira. A falta do reconto da última hora da tarde, a feira rexistra cifras similares ás de 2014. Até as sete da tarde do domingo 6 o Culturgal contou con 14.500 visitas, sendo os momentos de maior afluencia as tardes do sábado e domingo.

Segundo Manuel Bragado, presidente da Asociación Culturgal, a organización está moi satisfeita da “modificación da distribución espacial da feira que permitiu unha mellor circulación do público e un maior confort na experiencia da visita. O illamento acústico dos espazos funcionou e conseguimos unha feira máis ordeada, mellor estruturada que en anos anteriores. Desde os propios stands tamén nos chegaron felicitación por acadar maior visibilidade. E este é ao fin e ao cabo un dos propósitos principais da feira”.

A feira rexistrou niveis de asistencia similares aos das anteriores edicións e de acordo coas palabras de Bragado "podemos estar moi contentos da excelencia do programa de actividades, cun alto nivel de calidade e con representatividade de todas as disciplinas que operan no sector cultural".

Ademais o presidente de Culturgal apuntou como moi a valorar a repercusión da feira no sector hosteleiro de Pontevedra, que ofreceu descontos ao público do Culturgal grazas a unha iniciativa do concello de Pontevedra, o cal incrementou a presenza deste na cidade durante estes tres días.