Culturgal pecha as súas portas consolidando as 15.000 visitas e pensando en 2017

Pontevedra
04 de decembro 2016

Manuel Bragado destaca que a feira xa supera a etapa de lanzamento e consolidación, pois "xa podemos dicir que hai nenas e nenos que creceron con Culturgal" e a feira "xa é adulta" e debe afrontar novos retos, que pasan pola "necesidade de abrir e proxectar Culturgal fóra, interactuar con outros ámbitos e debuxar novos horizontes"

Terceira xornada do Culturgal 2016
Terceira xornada do Culturgal 2016 / Cristina Saiz

A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, pecha este domingo as portas da súa novena edición cunhas cifras de participación e balance de actividade que xa permiten confirmar que está consolidada como todo un referente en Galicia. A media tarde desta terceira xornada xa pasaron polo recinto feiral de Pontevedra preto de 15.000 persoas, e aínda faltaban por contabilizar as últimas horas. 

A organización realizou un balance provisional da feira e indicou que se acadaron unhas cifras de visitantes "moi semellantes ás de 2016". Ademais, avanzou que o equipo xa empezou a pensar na nova edición de Culturgal, a décima xa, que se celebrará entre 1 e o 3 de decembro de 2017 no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O presidente de Culturgal, Manuel Bragado, sinalou, a través dun comunicado, que o evento "está consolidado e establecido no calendario, nun espazo e nunha cidade que é Pontevedra" e destacou a "utilidade social" desta alianza entre industria, institucións e públicos na que "se mostran formatos e fórmulas colaborativas entre diferentes axentes". 

Bragado destaca que a feira xa supera a etapa de lanzamento e consolidación, pois "xa podemos dicir que hai nenas e nenos que creceron con Culturgal" e a Feira "xa é adulta" e debe afrontar novos retos. Este obxectivo futuro pasa pola "necesidade de abrir e proxectar Culturgal fóra, interactuar con outros ámbitos e debuxar novos horizontes".