Culturgal, unha frenética fin de semana imaxinando e vivindo cultura

Pontevedra
02 de decembro 2017

A Feira das Industrias Culturais de Galicia pechou este sábado as súas portas deixando atrás unha xornada na que milleiros de persoas pasaron polo Pazo da Cultura. Aínda queda por diante a xornada deste domingo, que se agarda igual de intensa en canto a actividades e masiva asistencia  

Actividades do sábado no Culturgal 2017
Actividades do sábado no Culturgal 2017 / Diego Torrado

A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, pechou este sábado as súas portas deixando atrás unha frenética xornada na que milleiros de persoas pasaron polo recinto feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra. Aínda queda por diante a xornada deste domingo, que se agarda igual de intensa en canto a actividades e masiva asistencia de público, pero a cita cultural xa confirmou que chegou á súa primeira década nunha saúde inmellorable

O Culturgal máis internacional, con Portugal como país convidado, serviu tamén para reafirmarse como o escaparate indiscutible da cultura feita na terra, que se amosou ao público a través dos distintos espazos nos que se divide o recinto, Foro, Libro, Carpa, Cinema, Arte Contemporánea e a programación infantil e familiar. 

Sería case imposible facer un repaso por todas as actividades da xornada sen aburrir ao lector, pero algunhas das citas máis concurridas foron o quinto aniversario de María Fumaça no Espazo Carpa, a presentación da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra ou as micropresentacións dos distintos concellos da provincia e a presentación do Ano da Lingua realizadas no posto da Deputación .

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, aproveitou este escenario para presentar o XXXVII Caderno Ramón Piñeiro, Carlos Casares: homenaxe. De amicitia e Uxío Novoneyra e Niko Alvarellos, o novo proxecto Uxía-o; mentres que o seu homólogo de Cultura, Anxo Lorenzo expuxo a Memoria Dixital de Galicia, o novo proxecto para a xestión e a conservación do patrimonio bibliográfico, arquivístico e museístico galego baseado nas tecnoloxías e a nova edición das Conversas Nortear, coa participación dos escritores Miguel Sande e Virgínia do Carmo. 

A actividade 'Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas', na que os profesores Pilar López e Carlos Villanueva explicaron a singularidade do Pergamiño Vindel nas súas dimensións literaria e musical espertou grande interese, coincindo coa no no que, por primeira vez, esta peza indispensable da literatura galaico portuguesa medieval chegou a Galicia desde Estados Unidos.

A presenza do Pergamiño Vindel en Galicia esperta un elevado interese entre o público, tanto pola propia exposición, como polas actividades que a Xunta de Galicia organiza en torno a el. En resposta a este interese, o manuscrito ten unha presenza central no amplo expositor da Xunta de Galicia no recinto feiral, así como nas actividades organizadas no Culturgal. 

No que se refire á cultura máis local, cabe destacar a presentación do libro Invisibles, escrito pola escritora e xornalista Montse Fajardo como parte dun proxecto do Concello de Pontevedra. A concelleira Carmen Fouces acompañouna no acto e destacou que se trata dun proxecto que pretendia visibilizar o invisible. "Tiñamos a sensación de que moitas veces todo quedaba invisibilizado baixo un titular na prensa e logo non se fai seguimento do que pasa cos menores, cos xuízos...", destacou a concelleira de Cultura e Igualdade, que buscou, con este libro, darlle unha vida máis longa a campaña do 25 de novembro.

Este domingo volven abrir as portas do Culturgal. Aquí está toda a programación, para non perder detalle da variada oferta

Arquivado en