A partir da vindeira semana, os martes converteranse en Marín nunha cita co audiovisual galego. A vila acollerá "Martes de Cinema", un ciclo impulsado polo Concello en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra que achegará á veciñanza unha selección de producións recoñecidas nos Premios Mestre Mateo.
Durante seis sesións consecutivas, o Salón de Actos da Biblioteca Pública será o escenario desta proposta cultural que arrancará o 23 de setembro ás 19.30 horas coa proxección de "+Cuñados", a comedia irreverente que segue as aventuras do trío de cuñados máis famoso de Galicia, protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey..
A produción, que obtivo oito candidaturas aos Mestre Mateo, incluíndo Mellor Longametraxe, sitúa a súa trama entre Ourense e a ponte internacional de Tui.
O 30 de setembro será a quenda de "Aurora", o documental finalista que explora a relación entre dúas mulleres de mundos diferentes unidos por conversacións profundas sobre a morte, a familia e a guerra.
A programación continuará o 7 de outubro con "Honeymoon", o drama que retrata a crise dunha parella tras a perda do seu fillo, filme que logrou dez nominacións aos premios do audiovisual galego.
A sesión do 14 de outubro estará dedicada ás curtametraxes cun programa especial que combinará imaxe real e animación.
Os espectadores poderán ver "Nai", ambientada na Galicia de 1970; "Pura", un retrato familiar; "Véxote", unha historia de reenconto na natureza; "Sinopse", que aborda o Alzheimer a través da animación; e "Platónico, platónica", un ensaio sobre o amor e as imaxes.
O ciclo proseguirá o 21 de outubro coa proxección de "Xustiza Artificial", o thriller que cuestiona o papel da intelixencia artificial no sistema xudicial español e que competiu por Mellor Longametraxe.
O peche chegará o 28 de outubro con "Filmei paxaros voando", o documental gañador do Mestre Mateo que narra o regreso de Zeltia á súa Galicia natal para reconciliarse coa súa nai Socorro.
Todas as sesións terán entrada libre e gratuíta, cunha programación que propón desde comedia ata documental, pasando polo thriller e a curtametraxe, coa intención de que o público coñeza as producións que se realizan en Galicia.