Curtas Armadiña presenta catro obradoiros gratuitos e abertos ao público xeral

Poio
18 de outubro 2018

O certame audiovisual Curtas Armadiña, organizado pola Asociación Armadiña, presentou os obradoiros que terán lugar no marco da súa cuarta edición, que se celebrará entre o luns 12 e o domingo 18 de novembro en Poio

Pablo Cacheda
Pablo Cacheda / ACDeM Armadiña

O certame audiovisual Curtas Armadiña, organizado pola Asociación Armadiña, presentou os obradoiros que terán lugar no marco da súa cuarta edición, que se celebrará entre o luns 12 e o domingo 18 de novembro en Poio.

O luns 12 abrirá o certame o curso 'Realizar e dirixir para as redes' da man do realizador Pablo Cacheda, no que os asistentes se achegarán á linguaxe audiovisual actual a través de plataformas como YouTube e mais de Vines, Vlogs ou titoriais.

O martes 13, o realizador Jose Aragunde será o encargado de establecer os fundamentos da iluminación nos traballos audiovisuais para que o alumnado poida poñelos en práctica despois sobre unha serie de casos prácticos no obradoiro 'Iluminación para o audiovisual'.

Para o mércores 14, a actriz, artista visual e performer María Roja propón en '1,2,3 e acción' unha reflexión práctica sobre os procesos de creación no eido da actuación ante e para a pantalla. Os asistentes entrenarán ferramentas de creación e interpretación que permitan o diálogo corporal con dispositivos de gravación domésticos a través de aplicacións tecnolóxicas.

Estes tres obradoiros terán lugar no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó en horario de 19:00 a 21:00 e están abertos ao público xeral.

Para o sábado pola mañá, entre as 11:00 e as 13:00, a artista visual Alba Blanco ensinará a cativos de entre 8 e 12 anos a acurtar a distancia entre corpo e tecnoloxía a través dunha creación ben dinámica no curso titulado 'Gravar e montar un vídeo: un xogo espacial'. Tras atesourar pequenos rexistros visuais e sonoros, as crianzas crearán unha peza colectiva intervindo unha instalación que funcionará como programa de edición e montaxe audiovisual a escala física.

Todos os obradoiros son de balde. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a [email protected] indicando título do obradoiro, nome, apelidos, data de nacemento e teléfono de contacto. No caso do obradoiro para crianzas, requírense tamén os datos da persoa responsable.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora