Curtas Festival do Imaxinario entra na elite mundial do cinema fantástico coa súa incorporación á Federación Méliès

O Salnés
05 de decembro 2025

Entrar na “familia Méliès” significa codearse con festivais lendarios como Sitges, o BIFFF de Bruxelas ou o NIFFF de Neuchâtel.

Curtas Festival do Imaxinario
Curtas Festival do Imaxinario / Curtas, Festival do Imaxinario

Curtas Festival do Imaxinario acaba de dar un importante salto. O certame, con sede en Vilagarcía de Arousa, pasa a formar parte da exclusiva Méliès International Festivals Federation (MIFF), a rede internacional máis prestixiosa dedicada ao cinema fantástico e de xénero. Un aval que consolida ao festival galego como o gran referente do noroeste peninsular e como un actor en crecemento na escena cinematográfica global.

Co seu ingreso na MIFF, Curtas non só suma un distintivo icónico ao seu currículo, supón tamén que dende a próxima edición pasará a entregar o Méliès d’Argent á mellor curtametraxe fantástica europea. As obras premiadas polo festival galego competirán posteriormente polo Méliès d’Or, galardón reservado ás mellores producións do continente.

Para o director do festival, Luis M. Rosales, este paso "culmina anos de traballo para situar Vilagarcía no mapa do cinema internacional". Rosales celebra tamén que entrar na "familia Méliès" significa codearse con festivais lendarios como Sitges, o BIFFF de Bruxelas ou o NIFFF de Neuchâtel.

A MIFF reúne os festivais máis destacados do cinema fantástico europeo e conta tamén con membros asociados en América e Asia. A súa misión é impulsar o cine de xénero do vello continente e favorecer a circulación de obras e talentos entre eventos clave. O seu sistema de premios —Méliès d’Argent e Méliès d’Or— constitúe unha das plataformas máis respectadas para os creadores do fantástico.

A incorporación á MIFF chega poucos días despois de que Curtas recibise a EFFE Label 2026–2027, o selo europeo que distingue aos festivais artísticos máis destacados pola súa excelencia, innovación e impacto cultural. Este aval, outorgado pola Asociación Europea de Festivais coa colaboración da Comisión Europea, subliña tanto a calidade da programación como o compromiso co territorio e a vocación internacional do evento galego.

Estes dous recoñecementos colocan a Curtas nunha posición estratéxica xa que no Noroeste de España consolídase como o festival de xénero máis relevante da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, na Península Ibérica sitúase á altura doutras citas de referencia como Sitges, FANT Bilbao ou a Semana de Terror de Donostia, fortalecendo o eixo atlántico do fantástico e a nivel internacional reforza a súa capacidade para atraer estreas destacadas, convidados de renome e maior atención da industria e dos medios especializados.

Todo isto axuda a proxectar a imaxe de Vilagarcía e de Galicia como un polo creativo e cinematográfico de primeiro nivel.

Fundado en 1973, Curtas Festival do Imaxinario é o evento cinematográfico máis lonxevo de Galicia e un dos máis queridos polo público afeccionado ao fantástico e ao terror. Foi recoñecido por Dread Central como un dos 90 mellores festivais de xénero do mundo e conta coa declaración de interese turístico por parte do Concello de Vilagarcía de Arousa.

Cada ano, a cidade convértese na capital do extraordinario cun programa que vai máis alá das proxeccións xa que tamén inclúe exposicións, encontros, presentacións exclusivas, talleres e concertos completan unha experiencia inmersiva na que a imaxinación non ten límites.