A Bienal de Artes Vivas abre este luns o prazo de reserva de entradas para a súa primeira edición, que se celebrará entre o 2 e o 12 de xullo no convento de Santa Clara.
A Deputación pon a disposición do público máis de 3.200 localidades para asistir aos 22 espectáculos programados, todos eles gratuítos e con reserva previa a través da web oficial do evento.
Esta nova cita cultural nace como unha proposta de continuidade e alternarase nos anos pares coa Bienal de Arte.
Nesta primeira edición, que leva por título 'Nas marxes', as propostas desenvolveranse na igrexa, o coro e os xardíns do convento, co obxectivo de activar este recinto que "no futuro converterase na sétima sede do Museo de Pontevedra".
A programación reúne 22 propostas de danza, teatro, música, poesía, performance ou circo. Catro delas serán estreas absolutas, mentres que outras 14 poderán verse por primeira vez en Galicia.
O enfoque do programa aposta por creacións situadas nos límites dos formatos tradicionais, con pezas que non encaixan facilmente en circuítos escénicos ou museísticos convencionais. Ademais, inclúe traballos en proceso e residencias artísticas articuladas en relación con iniciativas como Residencias Paraíso, o festival Citemor de Montemor-o-Velho ou TNT Terrassa Noves Tendències.

A programación arrincará o xoves 2 de xullo coa estrea da peza de danza 'microdesfase: desajuste para voz y espacio', de Blanca Tolsá. Ese mesmo día tamén se presentará a estrea absoluta de 'Clo Pau Plas Pedra', do dúo Clo Plas xunto ao escultor Diego Vites e o músico Javi Álvarez.
O primeiro fin de semana incluirá a obra teatral 'La fuerza de la gravedad', de Martín Flores Cárdenas; a conferencia escénica de Lara Brown, 'Tórtola Valencia, pienso en ti con mis manos'; a estrea de 'O raro é que bailar sexa raro', da compañía galega VacaBURRA; e a proposta musical de Isabel de Diego, 'Bestia sagrada'.
O domingo chegará a quenda do circo familiar con 'Sin patrón', de Pistacatro, e pecharase a xornada con 'Extraña alegría', de Javier Hernando (Los Bárbaros), unha peza a medio camiño entre a conferencia performativa e o teatro documental.
O luns 6 de xullo, a pontevedresa Noela Covelo Velasco presentará na igrexa 'Aplauso, vicio', xunto a Elise Moreau. Ao día seguinte, a actriz María Rojo levará a escena por primeira vez en galego a peza autobiográfica homónima de Jérôme Bel.
A xornada do mércores estará centrada en procesos creativos en desenvolvemento, coas propostas de danza 'Angelical', de María Jurado, en colaboración con TNT Terrassa Noves Tendències, e 'Transfixión', da residencia artística de Fran Martínez no convento de Santa Clara xunto ao colectivo RPM.
O xoves volverá ter protagonismo a danza con 'Escarlet', de Ángela Millano, e 'Alien', de Manuel Rodríguez.

O último venres será a estrea da performance 'E os ocos comezaron a pegarse', de Alejandra Pombo. Ese mesmo día, o brasileiro Thiago Granato presentará en proceso 'Out of Sight, Out of Mind', en colaboración co festival Citemor, mentres que Leonor Leal e Antonio Moreno ofrecerán 'En talleres', unha proposta de danza e percusión flamenca.
O sábado 11 de xullo será a quenda de 'Contar no apagón', o novo espectáculo de poesía e narración oral de Celso Fernández Sanmartín. A xornada tamén incluirá 'World of Interiors', unha performance de Ana Borralho e João Galante coa participación do grupo de teatro da UNED de Pontevedra, así como o concerto 'Àlbum Victòria', de Lamenta Estruch xunto á banda pontevedresa Zunzún.
A Bienal pecharase o domingo co espectáculo familiar 'Danzas románticas/Antena fantasma', e 'Don't Be Frightened of Turning the Page', do italiano Alessandro Sciarroni, centrado na investigación do movemento.