De "1921. La ley del plomo" a "La sombra de la ley": así é a película que Dani de la Torre rodará en Pontevedra

Pontevedra
05 de xullo 2017

Pontevedra será, como avanzou PontevedraViva, unha das cidades nas que se rodará La sombra de la ley, a nova película do director galego Dani de la Torre (El desconocido). Así o confirmaron este mércores os seus produtores, Vaca Films e AtresmediaCine

Dani de la Torre e Luis Tosar na rodaxe de "El desconocido"
Dani de la Torre e Luis Tosar na rodaxe de "El desconocido" /

Pontevedra será, como avanzou PontevedraViva, unha das cidades nas que se rodará La sombra de la ley, a nova película do director galego Dani de la Torre (El desconocido). Así o confirmaron este mércores os seus produtores, Vaca Films e AtresmediaCine.

A gravación, que se levará a cabo en máis de 80 decorados naturais exteriores e interiores, durará oito semanas. Comezará o 12 de xullo en Barcelona e, a partir do 23 deste mesmo mes, o equipo trasladarase a Galicia para rodar en localizacións de Pontevedra, Lugo, Monforte de Lemos, A Coruña e Santiago de Compostela.

En concreto, na Boa Vila rodaranse escenas no instituto Valle Inclán e a avenida Montero Ríos e no Pazo de Lourizán.

Nesta película, De la Torre reencontrarase con Luís Tosar, que será o seu protagonista. Michelle Jenner (Isabel), Vicente Romero, Ernesto Alterio, Paco Tous (La casa de papel) e Manolo Solo completan o elenco principal. 

Con guion de Patxi Amezcua (Sétimo), La sombra de la ley -que na súa fase de desenvolvemento era coñecida como 1921: La ley del plomo, inspírase en feitos históricos e quere ser un reflexo da sociedade española de principios do século XX, representando a través das súas tramas e personaxes a vida e os conflitos da época.  

A película trasladaranos ao ano 1921. España vive un momento axitado e caótico: son os anos do chumbo, froito dos violentos enfrontamentos na rúa entre matóns e anarquistas. O gansterismo e os negocios ilegais están instalados na sociedade.

Nesta situación de disturbios e crimes, Aníbal Uriarte (Tosar) é un policía enviado a Barcelona para colaborar coa comisaría local de policía na detención dos culpables do roubo a un tren militar.

Aníbal e as súas formas non atopan moito apoio entre os seus compañeiros e enseguida comezan os enfrontamentos e desconfianzas co inspector Rediú, un superior corrupto.

Aníbal entrará en contacto cos baixos fondos da sociedade barcelonesa, entre eles, cun barón alemán, un mafioso con importantes conexións, e tamén co mundo anarquista máis radical, disposto a todo para conseguir os seus obxectivos. Alí coñecerá a Sara, unha moza loitadora e temperamental, cuxo encontro terá consecuencias inesperadas para ambos.

Dani de la Torre explica que La sombra de la ley é un thriller "cheo de tensión e constantes xiros na trama, con gran peso de temas como a honra, a supervivencia e a loita por atopar o camiño para lograr unha sociedade máis xusta".

O filme, promete o seu director, terá un ritmo e unha acción moi contemporáneos, xa que "será como un Bourne da época, onde convivirá o clásico cunha montaxe trepidante, grazas a unha cámara con nervio e movemento".