Dez anos de vida para uns Premios Martín Códax da Música que volverán entregarse en xuño

Pontevedra
06 de marzo 2023

Como é habitual desde o seu primeiro, Pontevedra volverá a acoller a gala de entrega dos Premios Martín Códax da Música. Será cunha edición moi especial, a do seu décimo aniversario, que se celebrará no Pazo da Cultura o mércores 7 de xuño. Volven así ás súas datas prepandemia

Presentación da décima edición dos Premios Martín Códax da Música
Presentación da décima edición dos Premios Martín Códax da Música / Premios Martín Códax da Música

Como é habitual desde o seu primeiro, Pontevedra volverá a acoller a gala de entrega dos Premios Martín Códax da Música. Será cunha edición moi especial, a do seu décimo aniversario, que se celebrará no Pazo da Cultura o mércores 7 de xuño.

Volven así ás súas datas prepandemia pero coa mesma filosofía, a de visibilizar a creatividade musical de artistas e bandas de Galicia e o potencial da música como sector estratéxico, desde o punto de vista social e económico, segundo destaca a asociación Músicas ao Vivo.

A gala deste ano estará inspirada no proceso de elaboración do viño en relación aos procesos de composición e produción de música, para recoñecer o apoio fundamental de Bodegas Martín Códax, o principal patrocinador destes premios.

Será ademais a primeira edición organizada pola nova directiva de Músicas ao Vivo, formada por Sheila Patricia, Xavier Castro, Patty Castro, Tomás Díez, Silvia Penide e Pablo Lesuit.

A "edición da consolidación", como a definiron Sheila Patricia e Patty Castro, presidenta e tesoureira da asociación, volverá a entregar premios en quince categorías musicais.

Serán os de Pop e Indie, Rock e Punk, Blues, Funk e Soul, Metal e Heavy, Canción de Autor/a, Músicas Urbanas, Músicas do Mundo e Mestizaxe, Electrónica, Música Clásica e Contemporánea, Jazz e Músicas Improvisadas, Música Tradicional, Música Folk, Música Infantil, Orquestras, Grupos e Música de Verbena, e Bandas de Música Popular.

O proceso de inscrición de proxectos estará aberto dende o 13 de marzo ao 2 de abril. Tras este prazo, un xurado profesional seleccionará tres finalistas por categoría. Serán as socias e socios de Músicas ao Vivo quen elixan os gañadores.

Ademais, haberá tres premios Organistrum, que destacan anualmente unha sala, un festival e un espazo de comunicación musical e a mención honorífica a toda una carreira artística ou traxectoria profesional que teña sido un referente para o resto de músicos en Galicia.

Manterase tamén o premio ao mellor proxecto de Artista Emerxente, categoría extraordinaria na que o pasado ano resultou distinguida a cantante Antía Muíño. 

O xurado profesional encargarase da escolla de tres finalistas, pero como novidade, ademais das persoas socias de Músicas ao Vivo tamén o público xeral poderá votar nesta categoría.