A diversidade como fío condutor do "Concerto de Primavera" da Banda de Salcedo

Pontevedra
24 de abril 2025
Actualizado: 18:24

Esta actuación musical terá lugar no Pazo da Cultura, o sábado 26 de abril ás 20.00 horas

Concerto de Santa Icía da Banda de Salcedo no Pazo da Cultura

A Banda de Música de Salcedo ofrecerá o vindeiro sábado 26 de abril, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o seu tradicional "Concerto de Primavera", que dará comezo ás 20 horas, baseado en coñecidas e afamadas bandas sonoras do cine para dar continuidade ao idilio que este ano mantén a cidade co mundo audiovisual e que terá como fío condutor a diversidade.

Esta actividade impulsada pola Asociación Músico-Cultural San Martiño, de Salcedo, pretende dar visibilidade á diversidade en todas as súas facetas e para o cal a Banda de Música de Salcedo escolleu un repertorio acorde con este obxectivo. 

Así, a Banda de Música de Salcedo abrirá o concerto cunha marcha da película "1941", do famoso compositor de bandas sonoras John Williams.

A continuación, teremos a oportunidade de escoitar unha selección da banda sonora de "Como adestrar ao teu Dragón", de John Powell, en arranxo para banda de Ton van Grevebroek. Nesta película amósase a importancia e o valor da cooperación e a necesidade de valorar ás persoas polo que son en realidade deixando de lado prexuizos e ideas preconcebidas de xeito erróneo.

Posteriormente soará no Pazo da Cultura o tema principal da película "Willow", inspiradora da autoestima como elemento superador de problemas e dificultades demostrando que mesmo os máis pequenos poden lograr grandes cousas.

O momento culmen do concerto chegará cando a Banda de Música de Salcedo interprete unha selección dos temas mais famosos da industria cinematográfica con "Hollywood Milestones", de John Higgins. Nesta selección entre outras, poderanse escoitar fragmentos de "Forrest Gump", "A bela e a besta" ou "E.T.", longametraxes nos que se evidencia a importancia do respecto polo diferente, a empatía e mesmo deixar de lado as apariencias para centrarnos no que realmente ten importancia, a forza, o valor e a beleza interior.

Rematará o concerto cunha selección da banda sonora da película "The Greatest Showman" en arranxo de Paul Murtha. Esta historia amosa unha das mensaxes máis importantes como é o feito de ser ti mesmo. Esta composición musical pretende trasladar ao público a sensación de liberdade, de autoafirmación e o empoderamento para superar as críticas baleiras de contido e os efectos nocivos dos bulos e as falsas testemuñas abrindo sempre o espazo a un novo concepto de nós mesmos baseado na autenticidade, a sinceridade e a autoestima.

Deste xeito a Asociación Músico-Cultural San Martiño, a través da Banda de Música de Salcedo, quere trasladar ao público unha mensaxe positiva sobre "a necesidade de dar maior visibilidade á diversidade como un dos elementos que caracterizan ao ser humano na súa ampla e variada composición que fai de cada persoa un ser único e insubstituible que ten o dereito e o deber de expresarse e manifestarse en liberdade, neste caso, tamén a través da música".