Organizado pola Sociedade Filharmónica de Pontevedra en colaboración con Afundación, Obra Social ABANCA, o vindeiro venres, día 25, ás 20:30 horas, no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra, terá lugar un concerto que estará a cargo da Real Filharmonía de Galicia.
Baixo a dirección da australiana Jessica Cottis, a agrupación compostelá ofrecerá un programa que comeza cunha obra de Raquel García-Tomás (Barcelona, 1984), unha das compositoras máis importantes do panorama español da música. O programa complétano o 'Testament', de Brett Dean; e a Sinfonía núm. 7, op. 92, de Beethoven.
A Real Filharmonía de Galicia créase no ano 1996 en Santiago de Compostela, e ten a súa sede permanente no Auditorio de Galicia, na cidade de Santiago de Compostela.
Está formada por cincuenta músicos de 17 nacionalidades diferentes. Baldur Brönnimann é, desde 2023, o seu director titular e artístico e Sebastian Zinca o seu director asistente desde 2024.
Coa orquestra colaboran os máis destacados directores, cantantes e instrumentistas de todo o mundo.
A galardoada directora Jessica Cottis é moi solicitada por formacións de todo o mundo. Traballa habitualmente con orquestras como a Sinfónica de Londres, Filharmónica Real, Sinfónica da Radio Danesa, Sinfónica da Radio de Praga, Sinfónica de Singapura, Sinfónica de Sídney, Filharmónica de Los Ángeles, Sinfónica de Houston, Orquestra Nacional da Ópera de Montpellier, Sinfónica Giuseppe Verdi de Milán, Filharmónica de Montecarlo e London Sinfonietta.
Recibe frecuentes invitacións para dirixir na Royal Opera House, no Covent Garden e na prestixiosos BBC Proms. Gravou para os selos BBC, ABC e Decca Classics.
As persoas interesadas en asistir a este concerto poderán retirar as entradas a través de ataquilla.com, mentres que a Sociedade Filharmónica de Pontevedra facilitará as entradas aos seus socios.