Doa libros para axudar na campaña #SOSQUIOSCOS e evitar que persoas con discapacidade perdan o seu emprego

Pontevedra
03 de novembro 2020

Desde a Fundación Juan XXIII Pontevedra promoven esta iniciativa para recoller libros e darlle unha segunda oportunidade nos quioscos nos que traballan persoas con discapacidade pertencentes a este colectivo. Coa primeira doazón vai entregarse unha tarxeta de "donantes de oportunidades" cun aforro do 20% en vindeiras adquisicións de lectura

Quiosco de Juan XXIII no Hospital Provincial onde se recollen libros doados
Quiosco de Juan XXIII no Hospital Provincial onde se recollen libros doados

A Fundación Juan XXIII Pontevedra fai un chamamento ao Book Power a través das redes sociais dentro da operación #SOSQUIOSCOS, unha iniciativa que busca que calquera persoa colabore con esta asociación e doe libros que teña pola súa casa coa intención de fomentar a actividade dos quioscos de venda, que xestionan persoas pertencentes ao colectivo Juan XXIII.

Desta forma, aquelas persoas que queiran doar libros poden facelo levándoos ao quiosco situado nas escaleiras do Hospital Provincial. Estes libros contarán cunha segunda oportunidade a través da venda nestes quioscos.

Desde Juan XXIII indican que os quioscos están a desaparecer, debido á tendencia á lectura a través de sistemas dixitais, e isto conleva o perigo da perda de empregos de persoas con discapacidade, que se encargan de atender estes postos de venda.

A través desta iniciativa buscan unha revitalización dos quioscos. As persoas interesadas en colaborar recibirán unha tarxeta de "doantes de oportunidades" coa súa primeira doazón. Grazas a esta tarxeta, estes colaboradores poderán gozar dun aforro do 20% na adquisición das súas próximas lecturas. Para aquelas persoas que precisen de máis información, a Fundación ofrece o teléfono 986.869.296