Doan a Poio un gravado de Cristóbal Colón datado no século XIX e atopado en Soutomaior

Poio
15 de xaneiro 2014

A obra, realizada polo francés Turgis, leva por título Cristóbal Colón por medio de los indios, e representa a chegada de Cristóbal Colón a terras americanas. O seu dono foi consciente do valor do gravado polo interese que espertou en moitos coleccionistas americanos e descubriu que o outro único exemplar que se coñece encóntrase na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. Entregouno en doazón ao Concello de Poio

Un novo gravado de Cristóbal Colón, datado no século XIX, será depositado e exposto na Casa Museo de Colón, en Porto Santo. Foi atopado polo seu actual propietario, Daniel Barreiro Acuña, anticuario e restaurador de profesión, nas antigas dependencias do concello de Soutomaior. Posiblemente formou parte das posesións do Castelo de Soutomaior, que se atopan na actualidade dispersas en múltiples coleccións particulares.

A obra, realizada polo francés Turgis e reproducida polo obradoiro de J.M. Fuentes, situado na cidade de Málaga, leva por título Cristóbal Colón por medio de los indios, e representa a chegada de Cristóbal Colón a terras americanas. O seu dono foi consciente do valor do gravado polo interese que espertou en moitos coleccionistas americanos e descubriu que o outro único exemplar que se coñece encóntrase na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos.

Agora, entregouno en doazón ao Concello de Poio, que o recibiu de mans da Asociación Colón Galego - Celso García de la Riega. No seu nome, a concelleira de Cultura, Silvia Díaz, destacou a importancia desta doazón, "por facer posible que este gravado, que forma parte do patrimonio histórico e cultural galego e que formou parte do acervo do Castelo de Soutomaior, poida ficar no noso país".

Díaz tamén salientou a labor da Asociación Colón Galego, polo seu empeño por acrecentar e enriquecer os fondos da Casa Museo de Colón, onde se depositará este gravado, e que ven a sumarse ao facsímil das Capitulacións de Santa Fe, entregado á asociación polo Instituto de Patrimonio Cultural hai apenas uns meses.

Na entrega deste gravado, o presidente da asociación, Eduardo Meruéndano, que explicou as características da obra doada, creada por Turgis ao redor de1850, puxo de relevo a importancia da difusión da teoría que defende a orixe galega de Cristóbal Colón, que os membros desta asociación veñen defendendo e contribuíndo á súa expansión dende hai anos.

Neste sentido, o alcalde de Poio, Luciano Sobral recoñeceu os logros recentemente acadados, como a ratificación do Instituto de Patrimonio Cultural da autenticidade dos documentos de Celso García de la Riega, "que son pasos decisivos para a hipótese que defende a orixe galega de Colón", así como o traballo da Asociación Colón Galego por divulgar e estender a teoría, labor que se intensificou e que comezou a cobrar máis forza desde que o Concello de Poio conta cun espazo de referencia, a Casa Museo de Colón en Porto Santo.