'Domingos do Principal' divídese este 2025 en dúas fases. En outono chegará a segunda pero este mes de febreiro xa arrancará con catro espectáculos de alto nivel.
Esta iniciativa de teatro familiar crerada entre Teatro Akatro e o Concello de Pontevedra volverá ofrecer no Teatro Principal unha dobre función (12:00 e 18:30 horas), das catro obras de prestixio avaladas por numerosos galardóns, segundo indicaban Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, e Xacobe Rodríguez, de Teatro Akatro, na presentación que se desenvolvía este venres.
O ciclo inaugúrase o 2 de febreiro cunha xoia escénica: 'Solo', do recoñecido artista galego e residente en Cataluña Roi Borrallas.
Esta peza íntima e singular, que combina a arte do clown coa manipulación de monicreques, convida ao público a adentrarse no camerino dun pallaso tras a función, convertendo os espectadores en testemuñas privilexiadas do momento no que persoa e personaxe se confunden a través dun espello, indicou Xacobe Rodríguez.
O espectáculo, que xa ten percorrido os principais escenarios do Estado, acumula prestixiosos recoñecementos como o premio Fetén 2023 ao Mellor Intérprete; premio Zirkolika 2022 ao Mellor Espectáculo de Pallasos; premio da Crítica ao Mellor Espectáculo Nacional de Circo 2024 e o premio da Crítica ao Mellor Espectáculo Familiar 2024.

O domingo 9 chegará "Pum, pum. Quen hai?", unha proposta da compañía viguesa Ártika que mestura comedia e música.
A obra presenta a historia de Gaia, unha nena que guía ao público polos xogos tradicionais do seu pobo, abordando temas como a diversidade e a aceptación do diferente a través dunha trama chea de equívocos e situacións divertidas. "Unha obra moi acaída nestes tempos", apuntó Rodríguez.

'Kioki', programada para o 16 de febreiro, é unha delicada proposta de Elefante Elegante, compañía habitual en Domingos do Principal, que aborda con sensibilidade temas como o esquecemento, a vellez e a soidade.
A compañía presenta un espectáculo que combina teatro xestual, monicreques, maxia e música, creando un universo poético propio e divertido.

A última montaxe desta primeira parte do ciclo chegará o 23 de febreiro con 'Blancanieves', de La Chana Teatro, unha innovadora versión do conto clásico interpretada con lámpadas e candelabros.
Esta singular proposta en verso, que mestura humor e poesía visual, chega precedida por importantes premios como o Max 2023 ao Mellor Espectáculo Infantil; premio do Público na Feira de Teatro de Castela e León 2020; premio Titirimurcia 2021 e o premio ao Mellor Espectáculo do Festival Parque de las Marionetas de Zaragoza 2023.

'Domingos do Principal' manterá os prezos das entradas a 4 euros e un abono especial de 12 euros para as catro funcións.
Xacobe Rodríguez destacou a liberdade creativa para realizar a selección dos espectáculos e a calidade das propostas escollidas, todas elas con múltiples recoñecementos no panorama teatral estatal.
O ciclo "Domingos do Principal" mantén unha longa traxectoria cunha media de 400 espectadores por sesión na última edición a finais de 2024.
As entradas poranse á venda este sábado 25 de xaneiro a través de Ataquilla.

Durante a presentación, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, subliñou o compromiso do Concello coa programación infantil e familiar, adiantando que haberá "varias sorpresas" ao longo do ano tamén para público xuvenil.. "Para Pontevedra é un luxo ter unha programación como esta", afirmou Gómez agradecendo o traballo que realiza Teatro Akatro.