Máis de 150 persoas gozaron dun concerto extraordinario, que uniu a música de dous continentes nunha experiencia única en España.
Esta actuación serviu ademais para honrar a memoria de Leonardo Balboa, un emigrante a Estados Unidos nacido en Samieira que faleceu o ano pasado en terras americanas.
Por espazo de dúas horas, o Mosteiro de San Xoán acolleu a actuación do conxunto estadounidense Voices of New Jersey e a Coral Polifónica de Poio.
Voices of New Jersey xurde da unión de dous coros activos no estado de Nova Jersey, o Rise Up Chorus e o Highland Park Community Chorus.
A estadounidense de orixe poiense María Balboa forma parte de ambos coros.
Cando o seu pai Leonardo Balboa Míguez, nacido en Samieira e emigrado na década dos 70 aos EEUU, faleceu o ano pasado, os seus familiares en Poio e noutras partes de Galicia e España non puideron asistir ao funeral en EEUU.
Por ese motivo, María quixo organizar unha homenaxe na que puideran participar tanto os seus compañeiros americanos como a súa familia en España.
O propio programa bilingüe repartido polos organizadores explicaba aos asistentes que “Leonardo amaba a música e era el mesmo un cantante de talento. Por iso consideramos apropiado dedicarlle esta xira de concertos corais ao longo do seu país natal, España".
O concerto comezou coa actuación da Coral Polifónica de Poio, dirixida por Sofía Taboada Gil, que interpretou varios temas sacros e tradicionais.
A continuación os 31 membros do coro americano foron desfilando pola nave central cara ao Retablo Maior, diante do que ofreceron unha selección de temas propios, cantos sacros e espirituais e mesmo dúas cantigas tradicionais en galego Alalá das Mariñas e Romance, baixo a dirección de Benjamin T. Berman, Matthew LaPine e Paul Conrad.
Despois de finalizar a actuación coa interpretación do gospel tradicional titulado The Storm is Passing Over, na que o público participou batindo palmas, os directores do coro estadounidense, axudados dunha intérprete, agradeceron a gran asistencia de público.