O dúo de ultrapop Cora, formado polos pontevedreses Carlos Gil (Vigo, 1993) e Cora Velasco (Pontevedra, 1991), estrea o próximo 10 de outubro o seu álbum debut "El cuarto dorado", un traballo de 43 minutos que reúne 11 cortes compostos entre xaneiro de 2023 e agosto de 2025.
O disco inclúe 10 cancións orixinais e unha sorprendente versión do mítico pasodoble "Suspiros de España", mostrando a versatilidade artística deste dúo que comezou a súa andaina musical en 2023.
"El cuarto dorado" reflicte as diversas influencias do dúo, que van desde Antonio Vega e The Beatles ata artistas contemporáneos como Clairo, Jorge Drexler e Cass McCombs.
O resultado é un son distintivo que combina a calidez da canción de autor, a profundidade do jazz e a enerxía do pop actual.
Segundo os propios artistas, o álbum "invita a escoitar sen présas, onde cada canción constrúe un mundo propio e, en conxunto, debuxa un mapa emocional que oscila entre a nostalxia e a celebración".
O disco foi composto e gravado íntegramente por Cora Velasco e Carlos Gil, quen se encargou de tocar todos os instrumentos excepto o solo de saxofón de "Extraña cortesía", interpretado por Rubén Servide.
A mestura e masterización correu a cargo de Manu G. Sanz, mentres que Plácido Vinseiro actuou como enxeñeiro de guitarras nos temas "Un deseo inédito" e "Ahora voy yo".
O universo creativo de Cora tamén se nutre da sétima arte, con referencias audiovisuais que van desde Juan Antonio Bardem ata o recentemente falecido David Lynch, constituíndo o cinema unha gran fonte de inspiración tanto para o álbum como para as súas actuacións en directo.
Desde os seus inicios, o dúo desenvolveu unha intensa actividade en vivo que os levou a actuar por case toda a península en cidades como Madrid, Barcelona, Valencia, Murcia, Granada e Asturias, ademais de percorrer toda Galicia.

PRÓXIMOS CONCERTOS
Para presentar "El cuarto dorado", Cora ten programados varios concertos: o 19 de setembro no Náutico de Castrelo de Miño, o 3 de outubro en A Merendeira de Noia, o 12 de outubro no Solidarity Fest de Cambados, o 16 de outubro en Don Giorgio da Coruña e o 11 de decembro en O Transistor de Bertamiráns.
Xa en 2026, o dúo galego ampliará a súa xira con actuacións programadas en Toledo, Badajoz e Zaragoza, consolidando a súa presenza no panorama musical nacional.
