E a herdanza vai para... o Museo de Pontevedra

Pontevedra
30 de xullo 2016

O Museo recibe unha doazón de máis de 15.000 diapositivas, fotografías e documentos de monumentos románicos de toda Europa dun cirurxián francés colaborador das Rutas Cicloturísticas do Románico que tiña gran relación cos responsables da institución. O legado  está a ser incorporado á biblioteca e ao arquivo gráfico  da Deputación

Fotos doadas polo doutor Jean-Claude Vinourd (1933-2015) ao Museo de Pontevedra
Fotos doadas polo doutor Jean-Claude Vinourd (1933-2015) ao Museo de Pontevedra / Deputación Provincial de Pontevedra

O cirurxián francés Jean-Claude Vinourd converteu ao Museo de Pontevedra no receptor da súa herdanza, en concreto, dun patrimonio de milleiros de diapositivas, fotografías e documentos sobre monumentos románicos de toda Europa que na actualidade xa está a ser incorporada á biblioteca e ao arquivo gráfico da institución.

O doutor era colaborador das Rutas Cicloturísticas do Románico e tiña unha grande relación con Galicia e cos responsables do Museo en particular, de modo que á súa morte no ano 2015 deixou este legado á institución pontevedresa.

O legado inclúe máis de 15.000 diapositivas de gran formato, centenares de negativos e fotografías en branco e negro de monumentos románicos de toda Europa, singularmente  e Francia e o norte da Península Ibérica, así como un nutrido bloque de monografías e revistas científicas especializadas na arte da Idade Media en xeral e do Románico en particular. Moitas fotografías, ademais, documentan monumentos, aspectos  ou detalles que na actualidade foron modificados ou mesmo xa non existen.

Coa recepción de todos estes materiais o Museo de Pontevedra, posuidor xa dunha biblioteca e uns arquivos moi valiosos, reforza a súa significación como un centro de imprescindible referencia para a investigación en xeral, e para a do Patrimonio histórico-artístico galego en concreto.

O deputado de Cultura, Xosé Leal, e o director do Museo, Carlos Valle, cualificaron de "incorporación excepcional" este legado, que foi cedido testamentariamente polo doutor Jean-Claude Vinourd (1933-2015). E agradecen publicamente a "extraordinaria colaboración" que recibiron dos familiares do cirurxián para a materialización do legado testamentario e, moi especialmente, da súa viúva, Anne-Marie Montaigne-Vinourd. 

Jean-Claude Vinourd comezou a relacionarse con Galicia e nos anos 70 peregrinou fotografando os seus monumentos románicos. A partir da década seguinte as súas visitas pasaron a ser máis frecuentes debido á estreita relación persoal que tiña cos responsables do Museo de Pontevedra, e incluso pasou a ser colaborador tamén das Rutas Cicloturísticas do Románico.