O Teatro Principal de Pontevedra acolleu este domingo o primeiro dos catro espectáculos englobados no ciclo Concertos en Familia.
Unha narradora acompañada da música ao vivo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, dirixida por David Fiuza Souto, deu a coñecer aos pequenos os instrumentos e a historia do compositor a través de anécdotas da súa vida.
Tal e como prometeron, "Vai de Mozart" foi un concerto vivo, en continua evolución, que permitiu desfrutar da música clásica e achegar aos asistentes un pouco máis á vida e obra do xenial compositor.
Na quinta edición deste ciclo familiar consolidado, serán catro os espectáculos. O próximo está programado para o 2 de novembro, será O gato con botas.
A historia está baseada no conto clásico e musicada polo compositor portugués Vasco Negreiros.