Eduardo Sánchez, escritor pontecaldelán, presenta o venres 20 a novela 'Convite de difuntos'

Ponte Caldelas
10 de xaneiro 2023

A cita está prevista na Casa da Cultura de Ponte Caldelas o 20 de xaneiro ás 20.30 horas. O personaxe de Santino Sputch, nesta segunda novela do autor, vivirá novas aventuras na Illa de San Simón

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, con Eduardo Sánchez, autor de 'Convite de difuntos'
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, con Eduardo Sánchez, autor de 'Convite de difuntos' / Concello de Ponte Caldelas

Eduardo Sánchez naceu en Vigo en 1976 pero leva moitos anos residindo en Ponte Caldelas. Pertenceu durante máis de dúas décadas ao corpo da Garda Civil con diversas condecoracións ao valor e ao mérito polo seu labor profesional.

Agora, este veciño pontecaldelán está a abrir un novo período como escritor de obras literarias coa publicación de 'La Curandera del Olvido', a súa primeira novela, e agora con 'Convite de difuntos', un segundo traballo que será presentado o venres 20 de xaneiro ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Ponte Caldelas con entrada libre para o público.

Nesta segunda obra de Sánchez nárrase a historia de Santino Sputch, un exmiembro da Policía Federal Arxentina con raíces galegas, que retorna a Ponte Caldelas e que, con motivo da celebración do Samaín, viaxa coa súa noiva Natalia á Illa de San Simón, na ría de Vigo.

Neste escenario comezan a producirse varias mortes que provocan tensión en Cesantes, lugar en que o protagonista, axudado polo seu amigo, o sarxento da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, Carlos Mimbreras, tentará resolver o misterio.

'Convite de difuntos' é unha novela negra con xiros sorprendentes, ambientada en espazos recoñecibles da provincia e con personaxes nados da inventiva do autor.