El Náutico do Grove cumpre 25 anos neste 2017. E celébrao como mellor sabe facelo, como xa é tradición. Cunha extraordinaria proposta de música en directo. Este ano tratou de dar un pequeno paso atrás e recuperar en parte a esencia que o levou a converterse nese local mítico adorado polos músicos que hoxe é.
Para iso recorreu a unha combinación na que están presentes algúns dos grandes nomes do rock e do pop español (Los Secretos, Coque Malla ou Rozalén) e tamén do jazz, o blues e o soul (Jorge Pardo, Freedonia, The Bellrays ou Red House).
Haberá propostas emerxentes (Rozalén, LOs Labios, Juan Zelada ou El Kanka), fenómenos de actualidade (Taburete), habituais do local (Wyoming y los Insolventes ou Agoraphobia) e algunha que outra aposta persoal, marca da casa (Trío a El Niño ou Anaheim)
En total, serán 28 concertos durante o mes de agosto aos que hai que sumar os tres días de Laboratorio N (xoves 10, venres 11 e sábado 12), nos que músicos de moi distintas formacións e estilos convivirán no Náutico propiciando ao longo de todo o día concertos improvisados e encontros únicos.
Afianzando a tendencia iniciada o ano pasado boa parte dos concertos serán en horario de tarde, ás oito, deixando para o horario ata agora máis habitual no Náutico, a unha da madrugada, só algúns deles.
A programación arranca o mércores 2 co concerto de The Bellrays, a banda californiana de rock, soul e r&b á que pon impresionante voz a carismática e híper enerxética Lisa Kekaula.
O xoves 3 acollerá o primeiro dobrete. Ás 8 da tarde subirá ao escenario Coque Malla que, con todas as entradas xa vendidas, ofrecerá un concerto en formato acústico. De madrugada será a quenda de Fumarola, trío formado por Alberto Palacios (Anaut), Gabri Casanova e Javi Skunk.
Tamén haberá dobrete o venres 4. A sesión de tarde estará protagonizada por Joseph Siankope & His New Orleans Jazz Band. O trompetista nado en Zinbabwe, distinguido, co título de cidadán honorífico da cidade de Nova Orleans actúa por primeira vez no escenario da praia da Barrosa. Ás 01 horas será a quenda de Los Labios.
O sábado haberá sesión dobre, pero do mesmo artista, Juan Zelada. Hai tempo que o cantante madrileño deixou de ser unha revelación para afianzarse entre o máis selecto e exquisito do soul, blues e funk feito en España.
A semana finaliza coa visita ao Náutico doutro bo amigo do local, habitual desde hai moitísimos anos e cuxa presencia non podía faltar neste vixésimo quinto agosto. Trátase de El Gran Wyoming que subirá ao escenario arroupando pola súa banda, Los Insolventes, para debullar un rosario de clásicos do rock.