'El último pasajero' de Manel Loureiro conquista USA: número 1 de vendas en Amazon

Pontevedra
12 de decembro 2014

Malia terse editado hai tan só vinte días, o libro do pontevedrés superou ata á última novela do mestre do xénero, Stephen King, segundo destaca a editorial que conta cos dereitos de El último pasajero en España, Planeta

Manel Loureiro, nunha das rúas do Centro Histórico de Pontevedra
Manel Loureiro, nunha das rúas do Centro Histórico de Pontevedra /

Manel Loureiro volveuno a conseguir. Logo de situarse nos primeiros postos das listas de vendas en Estados Unidos coa triloxía Apocalipsis Z, a súa novela máis recente tamén triunfou alén do Atlántico. El último pasajero, traducido ao inglés como The Last Passenger, situouse como o número 1 en Amazon, a principal plataforma de vendas por Internet do país, dentro da categoría de libros de terror.

Malia terse editado hai tan só vinte días, o libro do pontevedrés superou ata á última novela do mestre do xénero, Stephen King, segundo destaca a editorial que conta cos dereitos de El último pasajero en España, Planeta.

Ademais, o libro de Loureiro leva unha semana no top de vendas absolutas nesta plataforma, por diante de autores como John Grisham, Michael Connelly, Patricia Cornwell ou Gilian Flynn, sendo a primeira vez que un autor español consegue colocarse na lista dos máis vendidos con reservas previas.

E por si eses fitos fosen poucos, a dimensión do logro adquire unha maior perspectiva ao comprobar como The Last Passenger é o único título dun autor non norteamericano situado entre os 100 libros máis vendidos en Estados Unidos.

El último pasajero é unha novela que transporta ao lector ao 'Valkirie', un trasatlántico que aparece á deriva no Océano Atlántico, sen luces, con motores apagados e sen aparentes sinais de vida a bordo. Cando soben a el, descobren que o barco está baleiro. Non queda ninguén. Con todo, a comida está quente, o xeo que envolve ao champán aínda se está derritindo... Ata hai 20 minutos ese barco estaba cheo de xente e agora non queda absolutamente ninguén.

Ninguén, excepto un bebé coa estrela de David ao pescozo que foi envolvido a toda presa nunhas sabas e que alguén deixou no medio da pista de baile. Setenta anos despois, un empresario decide poñer de novo en marcha o barco, que se atopa podrecendo desde entón no porto, e rehabilitalo para repetir aquela viaxe inaugural e descubrir que pasou a bordo deste barco de recreo que nos remonta á época nazi.