"Elisa no mundo das marabillas" cobra vida na Biblioteca de Pontevedra

Pontevedra
10 de marzo 2017

Un día antes de que abrise as súas portas o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a biblioteca pública quentou os motores coa estrea da exposición Elisa no mundo das marabillas, baseada no conto homónimo editado por Galaxia e realizado no taller artístico do centro residencial da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP)

Inauguración da exposición "Elisa no mundo das marabillas" Salón do Libro / Alba Sotelo

Un día antes de que abrise as súas portas o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a biblioteca pública quentou os motores coa estrea da exposición Elisa no mundo das marabillas, baseada no conto homónimo editado por Galaxia e realizado no taller artístico do centro residencial da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP).

O conto naceu no taller deste centro residencial con motivo da celebración do Día Internacional do Libro do ano 2015 e coa finalidade de compartilo cos nenos e nenas do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Navia (Vigo).

Os usuarios do centro quixeron crear un personaxe co que se identificasen e que transmitise todo aquilo que sentían e como se vían ante a sociedade. Un personaxe con vitalidade e forza, capaz de conseguir todo aquilo que se propuxese e cuxo obxectivo diario fora a superación persoal.

Así naceu Elisa, unha moza con parálise cerebral, que decide percorrer o mundo na súa casa rodante para descubrir novas aventuras e axudar á xente que, como ela, se sentía diferente.

O conto foi elaborado integramente por 30 persoas con parálise cerebral, que en todo momento foron coordinados pola monitora do taller artístico do centro residencial, Fedra Alcaraz. Eles mesmos -moitos axudados de pictogramas- foron definindo os personaxes que lle darían forma ao conto, así coma as diferentes aventuras que ía vivir a súa protagonista.

Posteriormente, encargáronse de darlle vida de múltiples maneiras: uns collían a brocha coas mans, outros cos pés e outros empregando mesmo esponxas empapadas en pintura.

Dous anos despois, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Elisa no mundo das marabillas é xa unha realidade ao alcance de todos.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o sábado 1 de abril en horario de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas e sábados de 10:00 a 14:00.

Arquivado en