A febre por completar o álbum do Mundial, a poucos días de que empece a competición, volveu a instalarse na cidade. Nesta ocasión, con todo, vén marcada por un elemento común: a escaseza.
No quiosco Peregrina, María Donsión atende a PontevedraViva mentres, durante a conversa, entran unha nai coa súa filla e outra moza preguntando por sobres e álbums. "Abro ás oito e ao oito e cinco xa hai xente preguntando se teño cromos ou se vendo a caixa enteira", explica.

A subministración, en cambio, chega "moi aos poucos", o que obriga os quiosqueros a dosificar o produto para que aguante durante toda a xornada. "Dependendo do que veña, dividímolo entre mañá e tarde e limitamos a venda a dous ou tres sobres por persoa para que chegue para máis xente", sinala Donsión.
A escena repítese no quiosco Frei Gal, onde José Antonio García tamén tivo que impor restricións, aínda que non tan limitadas. "Seis sobres por persoa", indica. "Ao principio non había problema, pero agora mandan pouco e se non, non chega". No seu caso, o cambio foi evidente co paso das semanas, e é que "o primeiro mes podías vender caixas e agora non".
O que está claro é que en cada punto de venda xestionan a situación á súa maneira. En Makania, por exemplo, prefiren vender sen límites mentres teñan produto. "Se tes unha caixa, véndela. Con dez sobres tampouco vas contentar á xente", explica o seu dono, Pedro Iglesias, quen este mesmo martes recibiu catro caixas e, cara ás as 12:30 horas, só quedáballe unha.

Detrás desta falta de stock hai máis preguntas que respostas. "Non sabemos moi ben como están a facer a distribución", recoñece Donsión, que mesmo apunta a unha posible estratexia de mercadotecnia por parte da empresa. Neste sentido, sinala a presenza da marca en redes sociais, onde mostra o funcionamento das máquinas que mesturan e distribúen os cromos, algo que, para ela, contrasta coa escaseza actual nos puntos de venda.
Outros, como Iglesias, atribúeno a un problema de previsión e cren que "lles excedeu a demanda". Di que este contratempo tamén pode estar relacionado cos tempos de lanzamento da colección, xa que considera que as convocatorias das seleccións pecháronse tarde, o que afectaría á planificación. Agora "estanos dando a contagotas e iso crea ansiedade na xente", engade.
Esa ansiedade tradúcese en compras impulsivas e mesmo en revenda. Algúns clientes comentan que en cidades como Madrid hai sobres que se chegan a pagar a 2,50 euros cando o seu prezo de venda ao público é de 1,50. "Iso xa é cousa de cada un, pero non ten sentido", apunta Donsión, que insiste en que "cromos vai haber, só que non chegan ao ritmo que a xente quere".

O perfil do comprador, como ocorre desde hai anos, é moi variado. Xa non son só nenos, senón que "vén xente de todas as idades", sinala Iglesias. Desde coleccionistas, que mesmo pesan os sobres para tentar adiviñar o seu contido, até pais e avós.
No quiosco Peregrina, ademais, atopáronse con peregrinos e turistas que buscan cromos como recordo, e mesmo grupos chegados de Portugal onde, segundo contan, tamén escasean. "O outro día veu unha excursión de xubilados de Tenerife e os netos pedíronlles cromos. Non querían ningún recordo de Pontevedra, só cromos", comenta Donsión.
A colección deste Mundial non só inclúe os cromos para pegar no álbum, senón tamén cartas, ambas as dúas con problemas de abastecemento. "Até agora faltaban sobre todo os de adhesivo, pero agora tamén empezan a escasear as outras", explican.
Máis aló da compra, Donsión avanza que, se a situación non mellora, nos próximos días "empezaremos a facer intercambios", unha práctica habitual noutras coleccións que podería converterse na alternativa para quen busca completar o álbum.
