O 4 de xuño de 2026 converteuse nunha data inesquecible para Javi Rodríguez tras debutar de forma oficial coa selección española absoluta, un fito histórico para a súa localidade natal, Poio.
Esta estrea internacional produciuse este xoves no Estadio Abanca-Riazor no partido de preparación para o mundial ante Iraq que terminou con táboas no marcador (1-1). A pesar de que o xogador do RC Celta non forma parte da lista para o mundial, o seleccionador Luís de la Fuente recorreu a el e a oito efectivos máis como "xogadores de apoio"
Estes xogadores formaron parte da expedición española ao longo desta semana como consecuencia doutras incorporacións tardías motivadas pola final de UEFA Champions League e da Conference League.
A gran tempada de Javi Rodríguez co club celeste non pasou desapercibida para o seleccionador, que non dubidou á hora de contar con el para axudar á selección e, ademais, poder debutar de forma oficial ás súas 22 anos de idade.
Esta estrea chegou no minuto 73 do partido ante Iraq, un encontro que foi escenario de varias irrupcións máis como a de Leo Román en portaría e as de Marc Bernal, Jon Martín, Gonzalo, Turrientes, Javi Guerra e Marc Pubill. En concreto, o de Poio entrou ao campo no sitio do lateral do Tottenham Pedro Porro.
E aínda que o partido non será especialmente lembrado, pois España non pasou do empate nun encontro espeso e con pouco ritmo, Javi Rodríguez si gardará para sempre o recordo desta cita como a súa estrea oficial coa selección absoluta.
Ademais, o xogador con pasado no Marcón Atlético puido compartir vestiario con outro compañeiro de equipo como Borja Iglesias, que foi substituído no segundo tempo.
A selección española puxo rumbo a Estados Unidos este mesmo venres para comezar a súa concentración de cara ao inminente Mundial, e aínda que Javi Rodríguez rematou o seu pequeno periplo como internacional, este debut supón un paso de xigante na súa prometedora carreira como futbolista.