Máis de 600 corredores participan esta fin de semana na IV XCO Poio e na XI Mini BTT

Poio
03 de xuño 2026

As probas contarán coa participación de ciclistas de todas as categorías procedentes de Galicia e Portugal. As inscricións están abertas até esta noite a través da web da federación

Presentación da IV XCO Poio e a XI Mini BTT
Presentación da IV XCO Poio e a XI Mini BTT / Concello de Poio

O Monte Castrove acollerá esta fin de semana unha das grandes citas do ciclismo de montaña en Galicia coa celebración do IV XCO Poio e da XI Mini BTT.

Ambas as probas reunirán a máis de 600 corredores e preto de 2.000 persoas entre público e acompañantes.

As probas, organizadas polo Poio Bike Club, contarán coa participación de deportistas de todas as categorías procedentes de Galicia e Portugal.

A presentación oficial do evento celebrouse este mércores a cargo do alcalde, Ángel Moldes; o presidente do club, Paco Albar; e o concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, quen puxeron en valor o impacto deportivo e social do evento.

A IV XCO Poio disputarase o sábado a partir das 15:00 horas nun circuíto de cinco quilómetros con distintos obstáculos, nunha contorna natural que porá a proba a resistencia e técnica dos participantes.

As inscricións para as categorías infantil até elite e máster continúan abertas até esta noite a través da web da Federación Galega de Ciclismo.

O domingo será a quenda da XI Mini BTT, que comezará ás 10:00 horas cun percorrido adaptado aos máis pequenos, desde benjamín até alevín.