Emilio Gutiérrez Caba, Kiti Mánver e Carlos Blanco, estrelas de Pontevedra Escénica

Pontevedra
23 de abril 2014

Sete espectáculos conforman este ciclo de artes escénicas que se vai desenvolver durante os meses de abril, maio e xuño no Teatro Principal e no Pazo da Cultura

'De amor y lujuria', de Euroscena
'De amor y lujuria', de Euroscena / Euroscena

O Centro Coreográfico Galego abrirá co espectáculo Full House o ciclo Pontevedra Escénica, que se vai desenvolver durante os meses de abril, maio e xuño en Pontevedra. Esta primeira actuación, que terá lugar o 26 de abril ás 21.00 horas, ofrece un mundo de contrastes dentro dos estilos da danza. As entradas anticipadas xa pódense adquirir a través de servinova.

O 29 de abril, o Pazo da Cultura tamén acollerá na Sala de Exposicións a performance Blondy's Coffee, con motivo do Día Mundial da Danza. A proposta da compañía Entremáns é un avance da versión estendida que se representará o 5 de xuño no Teatro Principal.

A comedia musical 'Esta noche no estoy para nadie' de Txalo Producciones traerá o 8 de maio a Pontevedra a Kiti Mánver, Gisela e Bruno Squarcia cun espectáculo que mostra a historia dunha nai e unha filla que comparten piso a pesar dos seus enfrontamentos. O prezo será de 17 euros.

Ese mesmo mes, o día 24, Carlos Blanco e Luis Dávila presentarán no Teatro Principal en dobre sesión o espectáculo Menú do día. O debuxante irá representando a través dunha pantalla xigante as historias do actor de Vilagarcía. As entradas terán prezos de 10 e 8 euros.

E tamén no Teatro Principal o 29 de maio a compañía galega Teatro do Atlántico representará A charca inútil, a historia dun profesor de secundaria vítima dunha agresión física por parte dun alumno e gravada cun móbil.

O ciclo finalizará o 19 de xuño no Pazo da Cultura con De amor y lujuria de Euroscena. Nesta proposta utilízanse textos clásicos do Século de Ouro a través da interpretación de grandes da escena española como Emilio Gutiérrez Caba, Ramón Langa ou Cristina Goyanes baixo a dirección de María José Goyanes. A entrada conta cun prezo de 14 euros que se poderán adquirir tamén a través de servinova ou, se non se esgotan previamente, dúas horas antes no despacho do Pazo da Cultura.

Esta montaxe e o de Esta noche no estoy para nadie forman parte do programa Platea do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (INAEM) co que se fomenta a contratación de compañías de fóra de Galicia.