Aínda que para o gran público Cristina Rodríguez (Benidorm, 1969) sexa a "estilista da tele", ela demostrou que é moito máis que iso. O seu traballo fala por si só. Seu é o vestiario de series como Elite ou HIT e de até sete películas polas que foi candidata aos Premios Goya.
A Pontevedra veu, da man dos Premios Feroz, para protagonizar unha clase mestra ante o alumnado do grao de Deseño e Creación, cos que compartiu a súa perspectiva profesional como deseñadora de vestiario para cine e series e o seu proceso creativo.
Vés a Pontevedra para charlar con alumnos de moda e deseño. Que consellos lle darías a alguén que, como ti, quere dirixirse cara á moda do audiovisual?
Que non escoiten a ninguén. Que se o queren facer, a morte. Que non teñan plan B, porque se hai plan B xa non hai plan A. Eu dígolles todo o que os pais non lles din. Se ti queres facer algo pero pensas, se non o consigo fago o outro, fai o outro directamente.
O camiño é moi difícil. E iso que agora é máis fácil porque na universidade fanse prácticas e hai convenios coas produtoras. Ademais, agora mesmo en Galicia está a rodarse o máis grande. Así que o meu consello é que teñan clarísimo o que queren facer.
E que sexan constantes, non?
Que sexan moi traballadores. Que empecen sendo discretos. Van ter que facer moitas cousas que non van ser deseñar. Os equipos de vestiario son moi grandes e empezas desde abaixo. Hai que lavar, hai que pasar o ferro, hai que cargar caixas... diso apréndese moitísimo.
Se ti non sabes facer o de abaixo, non sabes facer o de arriba. E dígocho eu, que empecei xa como xefa, estou eu para falar. Pero, sobre todo, o máis importante é que cando ti termines o proxecto, a xente te queira. Que sexas boa persoa.
Nunca se di iso. Parece que somos unha profesión de cotenadas, pero non. Querémonos moito entre nós. Eu sempre digo que se os meus compañeiros non están a traballar, é máis difícil que eu traballe. É mellor que traballemos todos. Que haxa traballo para todos.
En Pontevedra temos moi boa canteira de deseñadores e deseñadoras. Coñeces o traballo que está a facer aquí a Universidade de Vigo?
Non especialmente. Si que coñezo algúns traballos que saíron da pasarela Ego e que eran moi interesantes. Sempre é bo potenciar aos novos talentos.
De feito, esta semana celébrase a pasarela Debut. É importante apoiar aos creadores desde que empezan?
É que é moi difícil que saia xente con talento se non se lles apoia. Como saen? Por xeración espontánea? Como champiñóns? Hai moita xente que non ten recursos para facer segundo que colección ou para comprar tecidos, pero se cadra ten moito talento.
Pois haberá que axudarlles. É que se non, só chegan os ricos. Se o teu pai é multimillonario ou é o dono de Mango, é máis fácil que chegues a ser deseñadora e teña a miña firma. Se é fontaneiro ou porteiro, non. Se non os apoiamos perderémonos moito talento polo camiño.
E visibilizar que, fóra de Madrid e Barcelona, tamén está ese talento...
Claro. Eu son de Benidorm. Funme a Barcelona a estudar. Eu sei o que é iso. Cando dixen na miña casa, unha moza de Benidorm nos 80, que me ía a Barcelona a estudar moda sendo como era tan boa estudante, os meus pais pensaban que eu lles dicía 'vou ser prostituta'.
Dicíanme "ti sacas moi boas notas, fai dereito". E eu contestáballes que, se tanto lles gustaba, que o fixesen eles. Cando eu estudei, en moda non había nada público. Era privado. E ao meu pai díxenlle "ídesmo a pagar". E pagárono todo. Foi marabilloso.

Como deseñadora de vestiario, como desembarcas nun proxecto? Como empeza o teu traballo para unha serie ou unha película?
Lendo o guión. Falas moito co director antes de empezar a facer nada. Ti tes que ter moi claro que é o que quere. A partir de aí fas un dossier de vestiario e empezas a buscar a roupa, a deseñala, a confeccionala ou a comprala. Ás veces acertas e outras non.
E, por suposto, fas probas. Todo o que sae diante de cámara e di "ola, que tal?" ten unha proba de vestiario antes. Non hai nada ao azar. Se hai douscentos personaxes, máis toda a figuración, todos están probados. É moitísimo traballo.
Á hora de deseñar o vestiario, tedes en conta aos actores ou actrices que van vestir eses traxes?
Tentamos facer o dossier previo sabendo parte do casting, pero moitas veces tes só aos protagonistas. Tes que imaxinar moitas cousas. Pero si, os actores condiciónanche. Primeiro, polo seu físico.
E logo porque eles, ás veces, teñen moito que dicir. Ti pensas no personaxe, pero eles tamén o pensaron. Entón ti tes que xuntar a súa opinión coa túa para que todo vaia nunha mesma dirección.
E trabállase con liberdade ou, pola contra, condiciónanvos moito?
Hai algúns que si e outros que non. Eu creo que canto menos liberdade nos deixan, peor saen as cousas. É bo que cada un poña o máximo de si. Se ti como director decídelo todo, para que traes a bos profesionais? Que o faga a túa curmá, que pode ir de compras.
É como aos actores. Se lles dás liberdade, vanche a dar máis cousas. Logo tes que puílo e medilo. E a nós tamén. Os directores teñen a película na cabeza e pode ser que haxa cousas que non lles encaixen. Eles téñennos que indicar, pero nós témoslles que dar.
Se me vas a dicir "quero un xersei vermello, un pantalón vaqueiro e uns calcetíns a raias", non me chames. Canto máis liberdade lle deas a un actor, a un director, a un deseñador de vestiario, a un director artístico... mellor vai saír a película. Iso pensei sempre.
Cal dirías que é a parte máis complicada de todo ese traballo?
A máis complicada é encaixar o orzamento co que ti queres facer. E as semanas de preparación. Sempre faiche falta máis. Tes que medir porque se tes, que sei eu, 100.000 euros, non pode ser que me falte media película ou media serie e que me gastara xa 80.000.
Eu con diñeiro douche todo. Xestionar todo iso é moito máis difícil que a parte creativa. O creativo, o pensar, é o marabilloso. Eu cando empezo un proxecto non podo durmir. Métome na cama e empezo a pensar. Ás veces, en metade a noite, esperto con ideas.
É onde mellores ideas se che ocorren?
Ás veces, cando me preguntan moitas cousas, digo que vou un momentiño a facer pis. Vou ao baño e alí penso. Ao volver, xa lles digo que xa sei o que imos facer. Moitas veces son os meus compañeiro os que me din que vaia facer pis. Que seguro que se me ocorre algo.

E es capaz de desconectar do teu traballo?
É que eu non quero desconectar. É como ser cociñeiro e non ir comer fóra. É que non me apetece. Eu vou por rúa e digo "mira este como vai". E fago fotos por detrás sen que me pillen. Apúntoo todo. A min é que o meu traballo me divirte, é o meu hobby.
De que traballo te sentes máis orgullosa?
Hai traballos dos que estou contentísima, pero estou máis contenta pola xente coa que participei neses traballos. Para min, é importante traballar con xente que teña ética, moral e que sexa boa persoa, aínda que sexan proxectos pequenos. Que non sexan uns fillos de puta.
Sempre che pasa?
A ver, tamén hai días que mataría o director ou o produtor. Pero pásoo ben. Mira, eu sempre visto aos figurantes. A min encántame. Normalmente, os deseñadores de vestiario só están cos actores. Eu prefiro estar para cambiar algo que non me guste ou que non encaixe. E se se atasco algo, sempre digo "pasádemo a min". Eu pásoo bomba.
E que é máis complexo? Deseñar o vestiario para unha produción de época ou para unha ficción ambientada na actualidade?
É moitísimo máis difícil a actualidade, aínda que poidas crer que non. Nas películas contemporáneas, todo o mundo opina. Até o que pasa por aí co coche. Nas de época ninguén di nin pío. Ninguén sabe nada. A min éme máis fácil a época. Sen ningunha dúbida. É mellor facer Ben-Hur ou Titanic. Prefíroo. E iso que eu fixen máis contemporáneo.
Ás veces, os espectadores poden non ser conscientes da importancia do deseño de vestiario. Unha mala proposta pode arruinar unha película?
Si, é así. Moitas veces saes dunha película e non sabes por que, aínda estando ben os actores ou o guion, non che gusta. Non a cres. E pode ser polo vestiario. E hai veces que hai películas cun guión regular ou actores que, sendo moi bos, collen propostas equivocadas, que cun bo envoltorio acaba sendo unha boa película. Hai grandes películas que sen o vestiario axeitado non chegarían a selo.
Na actualidade rebaixáronse os canons da moda? É dicir, é aceptable vestir calquera cousa ou nos seguimos guiando polas tendencias?
Eu creo que as tendencias pesan, pero creo que hai que facer o que nos dea a gana. A min encántame que as cousas evolucionen. Ultimamente pasounos de todo: o apagamento, a dana, que nos confinaron... Se non nos pasaron cousas coa estética, é que tes cero empatía.
Se teño que vestir a un psicópata póñolle sempre a mesma roupa. Eu prefiro a un punk ou a un heavy. Prefiro xente que se lle peguen as cousas que pasan no mundo. E logo, tes que saber que impresión queres dar ao de en fronte. Porque coa roupa tamén se pode mentir.

A un futbolista insultárono estes días por vestir con pezas, a priori, deseñadas para mulleres. Quédanos moito por avanzar?
Si. E a uns do Sevilla porque foron a unha voda hai un ano con bolsos. Eu creo que esas persoas teñen que ir a un psicólogo. Son malas persoas. Insúltate a ti. Mírate no espello e insúltaste. A ti que che importa como vai vestido o outro.
E se lles insultan no terreo do xogo, pois haberá que quitar o fútbol. É alucinante, de verdade. Estamos no século XXI. Que me parece que á xente se lle insulte pola roupa? Pero quen se cren que son? Es Balenciaga? Ou quen es? A que te dedicas?
E logo, xa está un pouquiño pasado iso da roupa de de muller e de home. Xa está. Non hai xéneros. Ti podes ser directivo dunha multinacional e comprar un tutú ou pintar as uñas. Xa basta de cousas de nenos ou de nenas. Xa abonda, por favor.
Por que nos gusta tanto criticar como viste ou non viste unha persoa?
Porque a nosa vida é unha vida de merda. É que se a túa vida é estupenda, por que vas criticar aos demais? Que cambien cousas da súa vida. Téñena mal. Que fagan cousas, que saian, que se tomen algo con amigos, que teñan relacións. Eu que sei. Que proben outros xéneros.
A xente que vai a un campo de fútbol e insulta ou di que non es masculino porque levas unha saia está moi mal da cabeza. Todo cambia. É que non se dan conta? E os escoceses? Levan saia e son señores masculinos. Ser masculino é outra cousa. É que me enfurezo.
E como dirías que é Cristina Rodríguez cando ninguén a ve? Cando se apagan os focos e estás na túa esfera máis privada.
Son a persoa menos ama de casa da face da terra. Eu poño lavadoras no traballo. Na miña casa non poño ningunha. Non desfago nin a maleta. Prefiro levantarme ás cinco da mañá e vestir a 100.000 figurantes antes que limpar o po da miña casa. Con iso dígocho todo.
Non son nai. Nunca tiven interese en selo. Non teño comida na neveira. Pídoo todo ou vou cear e a comer fóra. Teño un marido ao que amo, ao que quero, ao que adoro e ao que admiro. Pero non vivo con el. Son moderna. O que se chama moderna. Fago o que me dá a gana
Nunca che preguntaron se querías ter fillos? Estráñame...
A min, non. Saben que lles soltaría unha fresca. Non mo pregunta ninguén. E a miña nai sempre me dixo que non tivese fillos. Teño a vida que quero. Até hoxe, polo menos. Mañá non o sei.
Eu son heterosexual. Hoxe. E estou namorada do meu marido. Hoxe. Mañá, non sabemos. O mesmo namórome dunha moza. Non teño nin idea. Pero neste momento teño a vida que quero. Teño a contorna que quero e estou onde quero.
E que che gustaría que pasara mañá?
Seguir así. Pero que me pasen cousas. Rupturas amorosas, non. Xa tiven moitas. Gustaríame que o meu marido fora o último. Non quero facer a rúa. Xa fixen moita. Rúas, canellóns, avenidas... todo. Xa nin unha rúa máis. Retireime. O casting xa terminou.
Ao teu marido vístelo tamén ou lle aconsellas de estilismo?
Si, claro. Eu creeino. E dígolle, igual que che creei, destrúote. Cando o coñecín ía dunha maneira... El é discreto porque para levar abelorios polo día xa estou eu. Pero viste ben. Está máis mono desde que está comigo. Cando lle pregunto se a vida comigo é mellor, sempre me contesta "e máis cara, cariño". Gastamos moito porque eu son gastona.