Escolares de Pontevedra mergúllanse na maxia da fantasía con "A nena e o grilo máis aló"

Pontevedra
02 de decembro 2019

Unha obra que ensina aos máis novos a falar sobre os medos e o valor da amizade. É a proposta escénica que Afundación ofreceu este luns en Pontevedra a preto dun milleiro de alumnos de colexios da comarca

Unha obra que ensina aos máis novos a falar sobre os medos e o valor da amizade. É a proposta escénica que Afundación ofreceu este luns en Pontevedra a preto dun milleiro de alumnos de colexios da comarca. 

Foi a través do espectáculo A nena e o grilo máis aló, unha obra de Magín Blanco que fusiona música e teatro en galego.

Durante os próximos tres días, ata o mércores día 4, pasarán polo auditorio de Afundación uns 2.700 nenos e nenas de 55 centros escolares de Pontevedra.

A nena e o grilo máis aló é unha obra na que a cooperación, a amizade, a tolerancia e a superación dos medos desempeñan un papel fundamental.

Nela, os protagonistas esmagan sen querer á súa amiga a Araña. Buscando unha maneira de devolverlle a vida, atópanse cuns artistas ambulantes que os guiarán a través da maxia e da música ao País dos Mortos, onde tentarán atopar á súa amiga para traela de volta.