As entradas para as proxeccións gratuítas desta fin de semana dos Premios Feroz 2026 en Pontevedra esgotáronse a media mañá deste martes, 30 de setembro.
Do mesmo xeito que ocorreu coas dúas primeiras películas da pasado fin de semana, a expectación ao redor do ciclo "A comedia segundo os Feroz" fixo que as localidades dispoñibles na oficina de Turismo, situada Montero Ríos e a Praza de España, se acabasen en poucos días.
Este sábado 4 e domingo 5 de outubro, ás 18:30 horas no Teatro Principal, exhibiranse Seis días corrientes (2021), de Neus Ballús, e Competencia oficial (2021), dirixida por Gastón Duprat e Mariano Cohn e cun elenco encabezado por Penélope Cruz e Antonio Banderas.
Cada persoa podía retirar un máximo de catro invitacións. Dende a oficina municipal de Turismo de Pontevedra informan a aquelas que non conseguiron entrada, acudir igualmente ao teatro o mesmo día da proxección, polo menos 15 minutos antes do inicio.
O pasado domingo, con Carmina y amén, o Teatro Principal rexistrou un cheo absoluto, dado o tirón da actriz Carmina Barrios. Con todo, o aforamento permitiu acoller tanto ás persoas con entrada como as que se achegaron ao teatro sen localidade.
A razón é que, aínda que moitos cidadáns recollen catro invitacións, finalmente acoden en menos número e esas localidades quedan dispoñibles para que o público sen entrada ocupe as butacas baleiras.
Os organizadores recomendan a quen desexe asistir a seguintes sesións, que estea atento aos anuncios das próximas datas, para acudir á oficina de Turismo nos primeiros días de repartición de localidades, que se inicia unha semana antes do día da proxección.