Especialistas analizan os nomes literarios na VII Xornada de Onomástica Galega do Museo

Pontevedra
15 de outubro 2022

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolleu este sábado a VII Xornada de Onomástica Galega onde se reúnen escritores e escritoras e especialistas do campo da filoloxía para profundar na onomástica literaria

VII Xornada de Onomástica
VII Xornada de Onomástica / Real Academia Galega

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolleu este sábado a VII Xornada de Onomástica Galega onde se reúnen escritores e escritoras e especialistas do campo da filoloxía para profundar na onomástica literaria.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, inaugurou a xornada canda a académica Luz Méndez, coordinadora do programa, e a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, e mais o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, en representación das institucións que colaboran desde o ano 2016 na celebración desta cita anual do Seminario de Onomástica da Academia.

"A onomástica literaria é unha rama da onomástica que se basea principalmente no uso simbólico que os nomes propios de persoa ou lugar teñen na creación literaria e na súa función estilística", explicou Luz Méndez nunha primeira programación.

Con esta VII edición, buscan unha primeira achega ao estudo dos nomes propios que marcan os rumbos dos protagonistas dunha novela e, desde esta perspectiva, abrir novas vías de investigación, "tanto desde o aspecto do contido, a relevancia e o valor dun nome en canto que se lle aplica a un personaxe e a un lugar; coma da forma, o efecto estético ou a sonoridade, máis evidentes na poesía, por exemplo", detalla a filóloga.

Tras a inauguración, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, abriu a quenda de relatorios cunha achega sobre a onomástica na obra rosaliana. Ao longo da xornada, o público tamén escoitou a María Xesús Nogueira (Universidade de Santiago), que falou sobre toponimia e ecopoesía; o académico correspondente Antón Palacio, que afondou nos nomes artúricos; Bieito Arias Freixedo (Universidade de Vigo), cunha ollada á lírica trobadoresca; Helena de Carlos (USC), que falou da etimoloxía e a alegoría nas lendas troianas; e Marga do Val (IES Rosalía de Castro), que indagou na onomástica como identidade desde a perspectiva didáctica.

A sesión da tarde incluíu unha mesa redonda na que Berta Dávila, Marcos Calveiro e Fina Casalderrey conversaron con Marilar Aleixandre sobre a escolla dos nomes dos protagonistas das súas novelas, mentres que Xosé María Álvarez Cáccamo e Magdalena Gamallo protagonizaron un un acto poético e musical titulado 'Cántico dos topónimos esdrúxulos'.