O espectáculo '4x4', de Ron Lalá, abre o ciclo Ponteatro

Pontevedra
19 de febreiro 2025
Actualizado: 11:39

Nas próximas semanas El espejo negro, Redrum, Ibuprofeno Teatro, a compañía de danza Fran Sieira e a agrupación teatral do IES Illa de Ons completarán o programa

Ron Lalá
Ron Lalá /

Este xoves, ás 21.00 horas, bota a andar no Teatro Principal unha nova tempada de Ponteatro que achegará 6 espectáculos que combinan diversas artes escénicas e xéneros teatrais.

É o caso de Ron Lalá e a súa proposta '4X4' cargada de humor, teatro e música que, a día e medio da representación, xa completou o patio de butacas e boa parte do anfiteatro.

A compañía, fundada en Madrid é cunha traxectoria de máis de 20 anos, acumula numerosos premios e recoñecementos.

A obra que representarán en Pontevedra é unha viaxe ás catro primeiras obras de Ron Lalá. Un percorrido polas escenas esenciais dos espectáculos que a consolidaron como unha das compañías máis premiadas e aclamadas pola crítica e público: "Mi misterio del interior", "Mundo y final", "Time al tiempo" e "Siglo de Oro, siglo de ahora".

Segundo explica a propia compañía, '4x4' é "unha ruta teatral e musical, co desafío de revivir as catro propostas e dar conta da evolución creativa e escénica dos ronlaleiros".

Unha creación colectiva dirixida por Yayo Cáceres e cun elenco integrado por: Juan Cañas, Miguel Magdalena, Diego Morales, Luis Retana e Daniel Rovalher.