O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra dará comezo este venres día 1 ás 18 horas no Pazo da Cultura con "As peripecias de Extravaganzza Pérez", un espectáculo creado específicamente para a ocasión e baseado no libro homónimo de Ledicia Costas, no que estará ambientado o Salón este ano.
Os contos fusionaranse coa música nesta adaptación para teatro feita por María Lado no que Lucía Aldao porá a súa voz mediante cancións.
O acompañamento musical correrá da conta do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra.
Esta obra musicada, que conta a viaxe de Extravaganzza na busca dos seus país, transmitiralle a toda a familia valores coma o respecto pola natureza e o coidado dos animais.
APERTURA DE PORTAS E ACTIVIDADES
Ás 19 horas abriranse as portas do Salón e comezará a súa actividade, que se prolongará durante tres semanas consecutivas. Como inicio e esa mesma hora, Anxo Fariña impartirá un obradoiro con entrada libre ata completar aforo -"Extravaganzza en Pontevedra"-, no que os participantes poderán encher os ocos en blanco dun panel con rodas coas súas propias ilustracións.
Ás 19.30 horas, o público poderá asistir ao "Safari Contográfico" de Pavís Pavós.
Ademais, tamén ás 19:30 horas, o Pazo da Cultura acollerá o contacontos "Algo está pasando en Ilusión Ártica", que organizará a Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia.
"COCORICO EN MOVEMENTO"
Ademais, este xoves inaugurouse na Biblioteca Pública Antonio Odriozola a exposición "Cocorico en movemento" , baseada no pitiño do conto e agora tamén protagonista da serie da Televisión de Galicia "Cocorico". Na biblioteca poderanse ver os capítulos da serie, escenarios, atrezzo e moitas máis cousas coas que o equipo de OQO filmes e o director Zé Carlos Pinto crearon esta produción de animación en stop-motion.