Estes son os tesouros que andaban a buscar: 'Moita Televisión!' e 'Pegadas de Castelao'

Pontevedra
05 de maio 2019

Os pontevedreses de entre 8 e 17 anos que durante os últimos meses participaron nos obradoiros teatrais 'A Procura do Tesouro' viviron este domingo o seu día grande coa representación de sendas sesións no Teatro Principal: 'Moita Televisión!' e 'Pegadas de Castelao' 

Sesión de teatro de A Procura do Tesouro: 'Pegadas de Castelao'
Sesión de teatro de A Procura do Tesouro: 'Pegadas de Castelao' / Diego Torrado

Os pontevedreses de entre 8 e 17 anos que durante os últimos meses participaron nos obradoiros teatrais ' A Procura do Tesouro' viviron este domingo o seu día grande coa representación de sendas sesións teatrais no Teatro Principal

Pola mañá o protagonismo foi para os participantes de entre 8 e 12 anos, que representaron 'Moita Televisión!', comedia inspirada nun relato de Agustín Fernández Paz sobre a influencia da televisión nas familias actuais.

Pola tarde foi a quenda do grupo xuvenil integrado por mozos de entre 13 e 17 anos, que representaron unha adaptación da obra de Migallas Teatro 'Pegadas de Castelao', na que se fai un percorrido pola vida e a obra deste persoeiro fundamental na historia contemporánea de Galicia.

Estas funcións poñen remate a dous dos sete obradoiros de Expresión Dramática Plástica e Música que desenvolveu o Concello por vixésimo ano consecutivo coa coordinación de Migallas Teatro e nos que participaron un total de 190 pontevedreses  con idades comprendidas entre os 4 e os 17 anos.

Durante 22 sesións os rapaces descubriron e fomentaron os seus recursos expresivos e desenvolveron as súas capacidades creativas mediante o xogo dramático e este domingo foi a súa posta de longo.