Eva Alonso, produtora de artes escénicas e audiovisuais, nova directora do Culturgal

Pontevedra
17 de maio 2022

Coa súa designación búscase afrontar unha etapa de renovación do modelo da Feira das Industrias Culturais de Galicia que se organiza no Pazo da Cultura de Pontevedra anualmente. A produtora compostelá é socia da empresa cultural Chiripa e responsable de varios documentais. A cita deste 2022 na súa 15 edición vai desenvolverse entre o 25 e o 27 de novembro

Culturgal 2021
Culturgal 2021

A produtora compostelá Eva Alonso foi seleccionada para dirixir a próxima edición do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

Representantes da Asociación Galega de editoras, AGEM,  Agapi, Escena Galega e Eganet considera que o seu proxecto é o máis adecuado para afrontar a nova etapa de renovación do modelo feiral do Culturgal. Eva Alonso, que conta cun mestrado en Produción e Xestión Audiovisual, ademais de ser licenciada en Químicas, exerceu como responsable de produción dos Premios Mestre Mateo.

Ao longo da súa traxectoria profesional destaca pola produción de documentais como O que hai que facer por non ir ao mar (2013); Contra os elementos (2016); e 30 anos actuando: que nos quiten o bailado! (2017), neste último caso tamén dirixido por ela. Ademais é produtora teatral, especialmente vinculada á compañía Teatro do Noroeste desde fai case vinte anos. Entre outros eventos, encargouse de dirixir a produción do I Congreso Internacional do Teatro Galego, en Compostela durante o ano 2020. Tamén é socia da empresa cultural Chiripa.

Con esta decisión, a 15ª edición da feira cultural deste 2022 ponse en marcha para establecer ao longo deste verán as bases da cita anual coa cultura  galega, que se desenvolverá nas instalacións do Recinto Feiral do Pazo da Cultura entre o 25 e o 27 de novembro.