A maquinaria do Revenidas xa volve estar a pleno rendemento. A organización desvelou este martes as primeiras confirmacións para a súa edicion de 2026, que se celebrará en Vilaxoán entre os días 10 e 13 de setembro.
Evaristo, vocalista de La Polla Records, será un dos cabezas de cartel. O cantante vasco -aínda que nacido en Tui- interpretará as cancións máis míticas do repertorio das súas bandas.
Non faltará neste Revenidas unha das bandas máis sólidas e respectadas da escena galega actual, Rebeliom do Inframundo, que presentará en directo Orgulho, o seu novo disco que se editará a finais deste mes de febreiro.
As dúas primeiras presenzas internacionais confirmadas do Revenidas 2026 chegan dende Arxentina e coa cumbia como son vertebrador.
A primeira delas é a de Kumbia Queers, banda feminina que mestura a cumbia, o queer e o espírito punk coa diversión e a política, co seu propio e cativador estilo.
Xunto a elas estará tamén Ilan Amores, músico bonaerense que desafía as etiquetas, fusionando cumbia, rock e punk con bases electrónicas.
Este primeiro avance do cartel do Revenidas tamén acolle a presenza de Süne, artista guipuscoana que presentará en directo un proxecto no que mestura a trikitrixa coa electrónica, e que con só un disco está removendo notablemente a escena musical vasca.
Outras dúas actuacións con selo galego pechan estas primeiras confirmacións.
Trátase de Arrhythmia, que volven tras un ano de silencio para estrear en vivo o seu novo traballo, e a rapeira viguesa Nadie González, tamén con novo disco e chamada a actualizar os códigos da nova escena urbana galega.
Os abonos están xa á venda en revenidas.com a un prezo de 63 euros, máis gastos de xestión.