A inauguración da exposición “A arte forxadora de soños”, da artista local María José Rodríguez, e a presentación e contacontos de “La Gallina Pipi”, da autora María Carrera, son as propostas culturais do Concello de Poio para este venres, 14 de xullo.
No primeiro caso, a inauguración da mostra será ás 20 horas no Casal de Ferreirós. Como suxire o título, a artista intenta amosar a súa faceta artística como forxadora de soños, transmitindo a través das pinceladas sentimentos e fraguar soños repletos de imaxinación, pero tamén aposta por transmitir unha conciencia recicladora e de coidado do medio ambiente ao utilizando retais, latas ou plásticos nas súas obras.
A mariña de Combarro forma parte do cartaz dunha exposición que poderá visitarse ata o 25 de agosto.
Media hora máis tarde, ás 20.30 horas e dirixido á rapazada, o Centro Cultural Xaime Illa acolle a presentación do libro “La Gallina Pipi” e contacontos coa autora pontevedresa María Carrera. É o primeiro conto infantil que publica e conta con ilustracións de Ana Tejedor. Ademais, a propia María Carrera compuxo as cancións que acompañan ao conto. A entrada é libre ata completar o aforo.