Falece en Madrid a pintora pontevedresa Carmen Domínguez Vaz

Pontevedra
07 de abril 2021

Este martes falecía na capital de España Carmen Domínguez Vaz, unha coñecida artista pontevedresa nada en 1951 que se dedicou á pintura desde moi nova cunha importante evolución ao longo dos anos

A pintora Carmen Domínguez Vaz traballando no seu taller
A pintora Carmen Domínguez Vaz traballando no seu taller

Este martes falecía na capital de España Carmen Domínguez Vaz, unha pontevedresa nada en 1951 que se dedicou á pintura desde moi nova cunha importante evolución ao longo dos anos. 

A artista estudou Maxisterio e comezou a súa traxectoria como creadora a través dunha mostra colectiva na cidade do Lérez no ano 1983, cando gaña tamén diversos premios en concursos de pintura relixiosa e dos Casinos de España. En 1984 participou na Bienal da Deputación de Pontevedra e a súa obra inicia un percorrido por diversos puntos da xeografía española e tamén chega a ter repercusión internacional en países como Arxentina.

Converteuse na representante galega do quinto Centenario de América, en Sevilla e entre os seus máis importantes exposicións destaca a realizada na Casa de Galicia no ano 95 en Madrid. Viaxou a Francia e a Rusia onde se viu influenciada por traballos de  Malevich, Severini ou Duchamp.

Os seus traballos pasaron do realismo ata a abstracción xeométrica con influencias cubistas e do expresionismo para terminar recalando no construtivismo co emprego de técnicas da colaxe empregando óleos, cinzas, madeiras, teas e calquera outro material, segundo figuraba na súa propia web biográfica.

A perda de Carmen Domínguez deixa un importante baleiro na súa coñecida familia pontevedresa. A incineración realizarase en Madrid na intimidade.