Fantasía desbordante no Auditorio de Vilagarcía coa chegada do Circo Máxico de Nadal

O Salnés
04 de decembro 2023

O espectáculo da compañía La Fiesta Escénica vai presentarse o sábado 16 de decembro en sesións de 17.00 e 20.00 horas

Circo Máxico de Nadal, de La Fiesta Escénica
Circo Máxico de Nadal, de La Fiesta Escénica / La Fiesta Escénica

O sábado 16 de decembro, o Auditorio de Vilagarcía acollerá un espectáculo cheo de maxia e ilusión a cargo da compañía La Fiesta Escénica.

Baixo o título de Circo Máxico de Nadal ofrécese unha proposta familiar en dobre función. Ás 17.00 e ás 20.00 horas e ao prezo de 3 euros. As entradas xa se atopan ao dispor do público a través de ataquilla.com.

O día da función as entradas que non se esgotaran en venda anticipada estarán á venda na billeteira a partir das 15.00 horas para o primeiro pase e a partir das 18.00 horas para o segundo.

O espectáculo combina música, números circenses, bonecos animados e ofrece un escenario que representa un obradoiro de xoguetes que está a punto de pechar por falta de actividade.

A presenza dun neno co encargo de crear un xoguete de grandes dimensións nun tempo récord desencadea unha aventura onde o traballo en equipo é esencial.

O espectáculo está financiado polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.