A Feira do Libro de Soutomaior chega á súa quinta edición

Soutomaior
17 de abril 2026

Debido ás obras de humanización en Talo Río, esta quinta Feira do Libro de Soutomaior celebrarase no Multiusos

Silvia Cernadas presenta a quinta Feira do Libro de Soutomaior
Silvia Cernadas presenta a quinta Feira do Libro de Soutomaior / Concello de Soutomaior

Soutomaior prepárase para vivir a quinta edición da súa Feira do Libro, evento que este venres deu luz á súa programación.

A primeira cita terá lugar o propio Día do Libro, o 23 de abril (20.30 horas), na Biblioteca Municipal Luís Seoane de Arcade co espectáculo de narración oral 'Non sei se foi verdade ou se o lin nun libro' de Ángeles Goás.

En todo caso a maioría de actividades centraranse nos días 25 e 26 de abril no Multiusos debido ás obras de humanización en Talo Río.

O día 25 de abril a xornada arrincará ás 10.30 horas coa animación de rúa 'Máis ritmo' a cargo de Trío Detrés, e xa no propio Multiusos o día sumará un gran número de actividades entre as 11.30 e as 20.15 horas.

Habilitar diferentes especios, como o Espazo Editorial do que formarán parte once editoriais (Antela Editorial, Edimaes Editorial, Boadicea Editora, Cuarto de Inverno, Belagua Ediciones, Galaxia, Editorial Elvira, Através Editora, Hércules Ediciones, Cooperativa Gráfica Sacauntos e Aira).

No Espazo Lector celebraranse charlas, coloquios e presentacións de libros; no Espazo Enreda haberá xogos e actividades de dinamización; no Espazo Escenario terán lugar os espectáculos; o Espazo Artístico dará cancha á creatividade; o Espazo Bebeteca estará destinado a nenos de 0 a 3 anos; e o Espazo Petit Furgo permitirá divertirse coa lectura.

Trátase dun evento pensado "para o desfrute de todas as persoas, desde bebés ata público adulto. Unha feira do libro que cada ano se vai consolidando, este ano temos máis editoriais ca nunca máis presentacións de libros ca nunca e temos unha actividade moi especial o domingo 26 para poñer en valor a cultura do viño en Soutomaior", afirmou a concelleira de Cultura de Soutomaior, Silvia Cernadas.

Na Feira do Libro, entre outras citas de interese, presentarase o libro 'Netchu. O neno momia' de Baltar Morgade Lores, o obradoiro 'Poemarios de peto' de Donde Viven los cuentos ou a presentación dos libros 'Gorrións e Falcóns' de Carmen Blanco Sanjurjo e 'Bego e o mundo do revés' de Iria Collazo.

Haberá ademais un espectáculo con Vero Rilo e Luís Iglesias, o contacontos infantil 'Lola Feroz' con Juan Baquero, a presentación do libro 'Tras os pasos de Castelao na Bretaña' ou o espectáculo 'Alicia!' de Teatro Pedras de Cartón.

Para a xornada do domingo 26 de abril queda reservada unha actividade especial na Adega Noelia Bebelia, 'Fontes das que beber', unha cita onde entre as viñas na que os asistentes terán a oportunidade de visitar o espazo da adega, participar nun taller de banda deseñada e humor gráfico con Kiko Dasilva e tamén nunha degustación de viño e petiscos con Noelia Bebelia.

Para esta actividade, de balde, é necesario inscribirse previamente na páxina web do Concello de Soutomaior ao contar con prazas limitadas.