A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentou este venres a axenda cultural de Pontevedra para os próximos seis meses. Baixo o nome de Telescopio Cultural, o programa inclúe eventos de diversa índole que levarán a cabo no Pazo da Cultura mentres duren as obras de reforma do Teatro Principal.
Explicou a concelleira que a programación se viu condicionada polas obras do Teatro. "Todo o que se puido trasladar ao Pazo, trasladouse", sinalou ao mesmo tempo que recoñecía que a axenda está aberta a cambios e á inclusión novas citas.
O calendario de actuacións está baseado en tres piares fundamentais. Por unha banda, aposta a concellería pola cultura de proximidade con actuacións de artistas e agrupacións pontevedresas e galegas. Pero sen pecharse a eventos de talla internacional.
" Aínda non é ou momento, pero virán artistas internacionais", dixo Fouces remarcando o seu compromiso coa cultura local.
Outro dos eixos sobre os que vira a programación é o feminismo, pois o cartel está cargado de nomes de mulleres entre as que destacan figuras como Mercedes Peón ou Judith Jáuregi.
A terceira parte do programa vira ao redor da programación de continuidade con eventos tradicionais como O Salón do Libro, a Semana da Filosofía ou o Ben Veñas Maio. Con todo, a concellería decidiu este ano apostar por unha disciplina pouco explotada en anos anteriores como a danza.
Ademais, coincidindo co décimo aniversario do Garaxe Hermético, haberá tamén un ciclo dedicado ao cómic entre o 18 e o 20 de maio.
A programación xa está en marcha, pois en xaneiro xa tiveron lugar tres dos eventos que compoñen este Telescopio Cultural.
A axenda continúa coa función de teatro Drop, prevista para este venres a partir das 20.30 horas. As entradas atópanse xa á venda, así como dos espectáculos máis próximos: o concerto benéfico de Mans Unidas, "Othello" de Voadora e o espectáculo de música e danza "Mercedes máis eu".