'A morte non me enjaña', 'Covarde medio sorriso', 'Coruxas', 'Son un romántico' e outros temas do repertorio de Javi Maneiro lograron que o público se levantara das súas butacas na noite deste sábado no Teatro Principal para corear os temas do cantante e compositor natural da Pobra do Caramiñal e residente en Ribeira.
O concerto en Pontevedra supoñía o punto e final á xira de inverno que leva o título do álbum 'Un bonito despertar', co que o tamén vocalista de Heredeiros da Crus conmemora os seus trinta anos facendo discos.
Maneiro, especialmente querido polo público tras sufrir un accidente cerebrovascular, móstrase totalmente recuperado no escenario ofrecendo entusiamo e sons rockeiros para presentar os éxitos do seu último disco en solitario, do que é autor de música e letras.
Esta xira levouno, desde a presentación na Sala Capitol de Santiago, a Boiro, Ourense, A Coruña, Lugo, Vigo, Ferrol e finalmente a Pontevedra, acompañado por unha banda formada por Iria Iglesias aos teclados; Pachi Cruz ao baixo; Rubén Cores na guitarra do mesmo xeito que Fernando Calvo; e Manu Rey á batería.