As Festas da Peregrina clausúranse a ritmo de muiñeira

Pontevedra
18 de agosto 2025
Actualizado: 19 de agosto

A Ferrería transformouse no maior espazo de baile tradicional galego, grazas á iniciativa da Asociación Cultural Trépia

Aquí bailase
Aquí bailase / Mónica Patxot

A clausura das Festas da Peregrina foi a ritmo de muiñeira.

Este luns, a praza da Ferrería transformouse no maior espazo de baile tradicional galego, grazas á iniciativa "Aquí bailase", un proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación Cultural Trépia.

Estaban convocados "todos os bailadores e bailadoras deste país", e tamén a aqueles que aínda non o somos.

A proposta converteu a emblemática praza pontevedresa no "maior torreiro de toda Galicia" para unha celebración colectiva dos bailes tradicionais galegos.

A xornada comezou ás 19:00 horas cun obradoiro na propia praza da Ferrería, onde se ensinaron os pasos básicos para que calquera poidese sumarse á festa.

A continuación, ás 21:00 horas, foi a Asociación Cultural Traspés, de Vigo, quen amenizou a velada coas súas pandeireteiras e gaiteiros.

Durante toda a festa fomentouse a participación do público en xotas, muiñeiras e bailes agarrados como o vals.

O obxectivo final, segundo destacaron os organizadores, foi que o maior número posible de persoas coñeza os movementos fundamentais dos bailes tradicionais galegos para poñer en valor este patrimonio inmaterial.