Con luz propia. Así brillaron todos os festivais Rías Baixas, que loitarán de xeito conxunto cos mellores eventos de España e Portugal na novena edición dos Iberian Festival Awards.
Estes premios, que recoñecen anualmente aos mellores festivais que se celebran na península ibérica, recoñeceron a PortAmérica, Sorrías Baixas, Revenidas, Sinsal e Río Verbena cun total de cincuenta nomeamentos nas diferentes categorías.
A eles súmase a Festa do Marisco do Grove, que opta a gañar un dos premios especiais que se conceden, o de mellor festividade.
PortAmérica, con trece candidaturas, é o festival pontevedrés que encabeza esta lista de nomeados. Opta aos premios como mellor festival de gran formato, mellor programación cultural, mellor promoción turística, mellor comunicación ou mellor recepción ao público.
Tres das súas actuacións, a de Aitana, a de Juanes e a de Galician Army, son candidatas ao mellor directo nacional, ao mellor directo internacional e á mellor actuación de música electrónica.
As súas opcións complétanse cos nomeamentos ao mellor recinto (Azucreira de Portas), mellor contribución á sustentabilidade, mellor cobertura en vídeo, mellor fotografía (Javier Bragado) e mellor provedor (Cadena SER).
Séguelle o SonRías Baixas, que obtivo doce nomeamentos, entre eles os de mellor festival de mediano formato, mellor promoción turística, mellor comunicación, mellor recinto (A Estacada), mellor recepción ao público, mellor contribución á sustentabilidade ou mellor cobertura en vídeo.
Ademais, opta ao premio polos concertos de Tanxugueiras, Chef'Special e Cool Nenas como mellor directo nacional, internacional e electrónico respectivamente, como mellor contribución á igualdade e como mellor fotografía (Aigi Boba).
Nove nomeamentos, pola súa banda, acumula o SinSal SON Estrella Galicia, candidato como mellor festival de pequeno formato, mellor promoción turística, mellor programación cultural, mellor comunicación, mellor recepción ao público ou mellor recinto (a illa de San Simón).
Entre as súas candidaturas figuran tamén as de mellor contribución á sustentabilidade, mellor contribución á igualdade e mellor activación de marca (Kaleido Logistic / Porto de Vigo).
Revendias, pola súa banda, suma oito nomeamentos e pugnará polo premio ao mellor festival de mediano formato, mellor promoción turística, mellor programación cultural, mellor recepción ao público, mellor fotografía (Christian Pérez) e mellor cobertura en vídeo.
Os concertos que deron Rebeliom do Inframundo e Dubioza Kolektiv tamén foron nomeados como mellor directo nacional e como mellor directo internacional.

E o benxamín entre estes festivais, o Río Verbena, ve recompensada a súa terceira edición con seis nomeamentos, entre os que destacan as de mellor festival de mediano formato, mellor comunicación, mellor fotografía (Mattias Monsterkid) e mellor cobertura en vídeo.
Dous dos seus concertos, os que ofreceron Amaral e Galician Army, son candidatos tamén como mellor directo nacional e como mellor actuación de música electrónica.
Os Iberian Festival Awards, que decide o público cos seus votos a través da súa páxina web, teñen aberto o prazo para elixir aos seus gañadores até o próximo 17 de xaneiro.
Os premios entregaranse nunha gala que se celebrará o 15 de marzo no Pavillón Multiusos 25 de Abril da localidade portuguesa de Almancil (Loulé).