Fillas de Cassandra triunfan no inicio do ciclo 'Con voz de muller'

Pontevedra
04 de agosto 2023

O dúo galego ofreceu o primeiro concerto deste ciclo que se desenvolverá na Ferrería ata o domingo, cando Sés peche as actuacións de artistas galegas

Actuación de Fillas de Cassandra na Ferrería
Actuación de Fillas de Cassandra na Ferrería / Mónica Patxot

Comezou o ciclo 'Con voz de muller' na Praza da Ferrería este xoves e as primeiras artistas en subirse ao escenario foron Fillas de Cassandra, un grupo formado por Sara Faro e MaríaSOA, dúas mozas que decidiron iniciar esta traxectoria musical despois de manter un encontro causal na cidade de Vigo.

A súa proposta musical móvese entre as cantigas tradicionais e a electrónica contemporánea. O seu primeiro traballo discográfico de longa duración, 'Acrópole', foi publicado en febreiro de 2023 e nesta obra fan referencia ás heroínas universais como Antígona, Lisístrata ou Cassandra.

Ao ritmo de "Varre Vasoira, Vasoira miña", as voces destas dúas mulleres que interpretan tamén a percusión e o piano buscan que o público coree "a guerra imos parar", utilizando os ritmos das melodías das cantareiras galegas.

Este venres será A Banda da Loba quen ofreza o segundo concerto do ciclo coas súas cancións que se moven entre o pop e o rock. Presentarán o seu último traballo 'Xabón Lagarta' entre outras pezas do seu percorrido musical a partir das 22.30 horas na Praza da Ferrería.

O sábado chegará a quenda dunha agrupación fundamental na música galega como Leilía e xa o domingo vai finalizar 'Con voz de muller' coa actuación da rockeira Sés.

A entrada a todos estes concertos é libre e forman parte das Festas de Verán de Pontevedra.