‘Formas de atrapar unha sombra’ inaugúrase na Sala Manuel Moldes con obras de catro artistas

Pontevedra
23 de novembro 2023

Esta mostra permanecerá aberta ata o 23 de febreiro na sala situada na Facultade de Belas Artes. As pezas pertencen a Nono Bandera, Salvador Cidrás, Emilia Guimeráns e Maite Leyún, que recollen a experimentación que conduce á creación artística

As creacións de Salvador Cidrás
As creacións de Salvador Cidrás / DUVI - Campus Pontevedra - Universidade de Vigo

Explorar os límites e as posibilidades expresivas dos materiais forma parte da acción artística e esa esencia é recollida na exposición 'Formas de atrapar unha sombra', que permanece aberta desde este mércores 22 ata o 23 de febreiro na Sala Universitaria Manuel Moldes, situada na Facultade de Belas Artes.

Marcos Covelo é o comisario desta mostra, que recolle obras de Maite Leyún; Emilia Guimeráns; o exalumno Salvador Cidrás e o profesor Nono Bandeira.

Nas pezas utilízase a cerámica como punto de partida ofrecendo un uso intuitivo e experimental no proceso artístico.

Ademais, tómase como punto de partida o mito de Kora, recollido polo escritor romano Plinio o vello, que expón o nacemento da pintura no momento en que Kora quixo inmortalizar a imaxe do seu amante.