A Biblioteca Municipal Martínez Ferro de Caldas de Reis ampliará os seus horizontes máis alá do préstamo de libros grazas á nova iniciativa que busca crear un punto de encontro para a práctica de idiomas.
O Concello habilitou grupos de conversa gratuítos tanto en galego como en inglés.
O obxecto desta proposta é que os participantes poidan perfeccionar as súas destrezas comunicativas nunha contorna relaxada e amena.
A diferenza das aulas de formación convencionais, estas sesións están concibidas como espazos de interacción informal.
O proxecto non se artella arredor de leccións teóricas, senón que se centra en encontros dinamizados onde o foco reside na mellora da fluidez, o perfeccionamento da pronuncia e a ampliación do vocabulario a través do diálogo sobre temáticas moi diversas.
Deste xeito, a iniciativa busca atraer tanto a veciños e veciñas adultos da vila como a persoas estranxeiras que residen en Caldas.
Segundo explican desde o goberno local, o propósito é dobre: por unha banda, adestrarse no idioma elixido e, por outra, favorecer o intercambio cultural e o coñecemento de xente nova entre a comunidade.
A programación, financiada pola concellaría de Cultura, contará coa titoría de persoal da propia biblioteca e de especialistas dunha academia local.
O calendario de encontros estruturase da seguinte maneira:
-
Conversa en galego: todos os mércores ás 11:00 horas.
-
Conversa en inglés: dous sábados ao mes, ás 11:30 horas, reforzando así a oferta cultural de Caldas durante a fin de semana.
Cada sesión terá unha duración de hora e media e procurará crear un clima de confianza que facilite a comunicación de quen aínda non domina o idioma.
O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Manuel Fariña, subliñou o interese municipal en ofrecer este tipo de recursos públicos.
"Estes encontros para fomentar o diálogo e a interculturalidade son extraordinarios. Permiten pasar un momento agradable en boa compaña e, ademais, practicar unha lingua de maneira relaxada", suliñou o edil, quen animou á poboación a sumarse á experiencia.
A posta en marcha do proxecto está prevista para o vindeiro mes de marzo, sempre que se acade un número mínimo de persoas interesadas.
Na actualidade, o Concello mantén aberto o prazo de inscrición e aínda quedan prazas libres.
As persoas que desexen participar poden obter máis información ou anotarse directamente na biblioteca ou a través do teléfono 986 530 604.