O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acollerá durante as vindeiras semanas unha mostra do traballo do fotógrafo de Vilagarcía Carlos Ocaña.
A exposición, titulada 'Nocturnidade' inaugúrase o vindeiro venres, 25 de abril, e poderá visitarse ata o 11 de maio.
Segundo a información facilitada pola Deputación de Pontevedra, Carlos Ocaña exporá unha colección de imaxes que teñen como característica común a noite, recollendo lugares e estampas na escuridade, de aí o título da exposición.
Ocaña, que foi mariñeiro de profesión, iniciouse no mundo da fotografía durante as súas estancias traballando nas costa de África entre 1979 e 1986.
Posteriormente, decidiu perfeccionar a súa afección e fixo diferentes cursos de fotografía. Nos últimos anos formou parte de exposicións en lugares como Vilagarcía ou Rianxo, entre outros.
A mostra poderá visitarse na sala de exposicións do Palacete das Mendoza de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas; os sábados e festivos, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas; e os domingos, de 10:00 a 14:00 horas.