Foyone e Vértebras sorprenden na Urbana Monte Porreiro

Pontevedra
08 de agosto 2024

A segunda xornada do ciclo de música urbana volveu achegar numeroso público xuvenil ata o Miradoiro de Monte Porreiro

Segunda xornada da Urbana Monte Porreiro
Segunda xornada da Urbana Monte Porreiro / Cristina Saiz

A segunda xornada do ciclo musical Urbana Monte Porreiro, celebrada este mércores 7 de agosto na contorna do Miradoiro, destacou pola súa aposta pola música urbana e por artistas de renome no panorama actual.

O cabeza de cartel foi Foyone, un dos referentes máis importantes do rap en español, non só na Península Ibérica, senón tamén en toda Latinoamérica.

Foyone presentou o seu último traballo, Demoni, que segue consolidando a súa traxectoria e recoñecemento internacional.

Compartindo escenario con Foyone, tamén actuou o grupo vigués Vértebras, un conxunto de rap formado por mulleres que destacan pola súa aposta polo galego nas súas letras e polo seu compromiso coa cultura e lingua galega.

A súa presenza no ciclo urbana engade un valor especial ao evento, promovendo a diversidade e a inclusión dentro do xénero musical.

A cita musical en Monte Porreiro, que organiza o Concello de Pontevedra dentro da programación das Festas de Verán, continúa a consolidarse como un referente para os amantes da música urbana en Galicia, ofrecendo un espazo para a expresión artística e a conexión co público.