Francisco Castro recibe o XIX Premio Fernández del Riego de Xornalismo

Pontevedra
25 de outubro 2022

O escritor e director de Editorial Galaxia recibiu o galardón polo artigo "Coiden da música" publicado en La Voz de Galicia

Francisco Castro Veloso en PontevedraViva Radio
Francisco Castro Veloso en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

O Café Moderno Afundación de Pontevedra acolleu este martes o acto de entrega do XIX Premio Fernández del Riego de Xornalismo, outorgado a Francisco Castro polo seu artigo "Coiden da música" publicado en La Voz de Galicia.

Francisco Castro expresou "o agradecemento e a emoción" de poder contar con este premio e tamén recoñeceu o valor de quen o acompañaron na candidatura de finalistas, Diego Giráldez e Cláudia Morán.

No acto tamén participaron  Pedro Otero Espinar, director xerente de Afundación; Víctor Freixanes, presidente do xurado; Carlos Valle, secretario; Fina Casalderrey, vogal; Míriam Ferradáns, vogal; e Gloria Rodríguez López, vogal.

Camiño Noia, escritora, filóloga e profesora emérita da Universidade de Vigo, abordou no seu relatorio a figura de Francisco Fernández del Riego. 

Na súa acta o xurado constou a dificultade na elección debido á elevada calidade dos tres textos. Vítor Freixanes, sinalou o valor do "talento, que no caso das tres finalistas foi poñer en palabras as emocións e sentimentos profundos que todos temos". 

"Os vosos traballos son moi intensos e están moi ben escritos, vén unha nova xeración de escritoras nos xornais: as xornalistas literarias que engrandecen a nosa literatura", rematou.

Francisco Fernández del Riego será a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do vindeiro 2023, e con tal ocasión Afundación decidiu convocar xa a vixésima edición do Premio de Xornalismo que leva o seu nome. A súa intención é presentar as persoas finalistas no próximo mes de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.