Furius Monkey House xoga na casa e golea

Pontevedra
16 de agosto 2019

Podería dicirse que os fillos pródigos volveron á casa este xoves, aínda que, en realidade, Furius Monkey House nunca deixou de volver. A banda pontevedresa segue moi apegada á cidade do Lérez que a viu nacer no ano 2014 a pesar da súa proxección nacional e de actuar con grandes músicos

Concerto de Furius Monkey House na praza da Ferrería
Concerto de Furius Monkey House na praza da Ferrería / Diego Torrado

Podería dicirse que os fillos pródigos volveron á casa este xoves, aínda que, en realidade, Furius Monkey House nunca deixou de volver. A banda pontevedresa segue moi apegada á cidade do Lérez que a viu nacer no ano 2014 e, a pesar da súa proxección nacional e de actuar con grandes músicos -este mesmo mes de agosto compartiu escenario con Vetusta Morla e Xoel López en Vigo-, sempre regresa ás súas orixes e entrégase aos seus veciños como a ninguén. Este xoves demostrárono na praza da Ferrería. 

Mariña, Carlota, Amaya, Irene e Diego volveron a unha praza que lle é coñecida e, xogando en casa, gañaron por goleada, co plus engadido de facelo nas Festas da Peregrina. Gañaron o favor do público e da crítica, cun concerto que encheu a praza de público e das mellores das súas cancións. 

A programación musical das Festas da Peregrina continúa este venres 16 de agosto co concerto de Iván Ferreiro na praza de España e Xosé Lois Romero & Aliboria no escenario da Ferrería, ás 22.30 e as 21.30 horas, respectivamente.

O sábado 17, no escenario da Ferrería soará A Banda Xagai e na praza de España, Beret.

Lola Índigo, artista xurdida de OT 2017, pechará o domingo 18 na praza de España.